O polígono industrial de Sabón é unha zona industrial situada na parroquia de Oseiro, no concello de Arteixo. Leva o nome da aldea de Sabón e foi posto en funcionamento en 1965, aínda que as primeiras empresas non se instalaron até a década de 1970.[1]
Foi promovido polo Deputación Provincial da Coruña[1]. Conta cunha superficie de 3.287.910 metros cadrados, sendo a destinada a parcelas de 2.403.580[1]. Sobre o seu solo teñen a súa sede ou delegación empresas como Inditex, Ferroatlántica, Bonilla a la Vista, Dielectro, Leyma, Teais, Horta Coslada ou o Grupo Voz.
Conta ademais con servizo de ITV e un encoro que dá servizo á central de ciclo combinado que Gas Natural Fenosa ten instalada para fornecer de enerxía eléctrica á zona.
Ao norte do mesmo comezouse a construír, logo da catástrofe ecolóxica provocada polo afundimento do Prestige, o Porto Exterior da Coruña, que -ademais de servir como porto refuxio para grandes embarcacións- se espera que se complemente coa actividade industrial desenvolvida neste polígono.
En 1990 constituíuse a Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón-Arteixo.[2]
Na actualidade está ao límite da súa capacidade[1] e a súa proximidade a núcleos urbanos en expansión fixo que se considerase a opción de construír un novo polígono na zona de Morás, o Polígono industrial de Morás a escasa distancia. Porén, a crise económica de 2008-2013 fixo que se adiara a estrea deste novo polígono[3], que se había de sumar ás sinerxías resultantes da construción no novo gran porto a carón da zona industrial de Sabón.