As pleckstrinas son unha familia de proteínas atopada en plaquetas[1] e outras células. O seu nome deriva do inglés platelet and leukocyte C kinase substrate and the KSTR string of amino acids (substrato da quinase C de plaquetas e leucocitos e a cadea KSTR de aminoácidos). A proteína prototípica, agora chamada pleckstrina-1, foi identificada en 1979 como o principal substrato da proteína quinase C en plaquetas.[2] A proteína homóloga pleckstrina-2 exprésase máis amplamente nos tecidos.[3]
O dominio de homoloxía de pleckstrina (dominio PH) recibiu ese nome porque se atopou por primeira vez na pleckstrina-1.[2]
Secuencia e estrutura
Tanto a pleckstrina-1 coma a pleckstrina-2 conteñen dous dominios de homoloxía de pleckstrina, separados por un dominio DEP. A pleckstrina-1 é fosforilada pola proteína quinase C en tres residuos de serina e treonina situados entre o primeiro dominio de homoloxía de pleckstrina e o dominio DEP;[2] a pleckstrina-2 non é substato da proteína quinase C.[2][4] As dúas proteínas comparten un 65 % de homoloxía de secuencias[2] e teñen un tamaño duns 47 quilodaltons.[5]
En 2024 non se resolvera aínda ningunha estrutura tridimensional en alta resolución das pleckstrinas nas súas lonxitudes completas, pero publicáranse as estruturas dos dominios individuais das pleckstrinas-1 e -2.[2]
Funcións
As pleckstrinas están implicads no rearranxo do citoesqueleto de actina en procesos como a activación das plaquetas, eritropoese e extensión de filopodios e lamelipodios.[3] A pleckstrina-1 crese que queda activada pola fosforilación que lle fai a proteína quinase C, o cal ten como resultado a unión ao lípido de membrana fosfatidilinositol 3,4-bisfosfato.[2] As intraccións coas integrinas e a GTPase Rac orixina despois a reorganización do citoesqueleto de actina.[3] A pleckstrina-2 tamén se une a fosfolípidos de inositol, pero interacciona directamente coa actina F, a diferenza da pleckstrina-1.[3] Como a pleckstrina-2 se expresa nunha ampla variedade de tipos celulares, as súas funcións biolóxicas son máis diversas que as da pleckstrina-1.
A pleckstrina-1 é unha proteína clave nos procesos de remodelación de membranas que ocorren durante a activación das plaquetas.[2] Tamén aparece en células inmunitarias como os macrófagos e os neutrófilos,[2][3] onde intervén na formación de fagosomas e a secreción de citocinas proinflamatorias.[3]
A pleckstrina-2 ten unha función na extensión da célula (por emisión de pseudópodos), a inflamación, eritropoese e tumoroxénese. En linfocitos está implicada na formación da sinapse inmunolóxica mediada pola quinase PI3. A pleckstrina-2 tamén é mediadora nos cambios citoesqueléticos implicados na proliferación de eritroblastos ao inicio da eritropoese. Tamén se cre que é esencial na transición epitelial-mesenquimal na metástase de tumores, e sábese que a pleckstrina-2 se sobreexpresa nunha variedade de cancros.[3]
Notas
- ↑ Harlan JE, Hajduk PJ, Yoon HS, Fesik SW (setembro de 1994). "Pleckstrin homology domains bind to phosphatidylinositol-4,5-bisphosphate". Nature 371 (6493): 168–170. Bibcode:1994Natur.371..168H. PMID 8072546. doi:10.1038/371168a0. hdl:10356/94313.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Edlich C, Stier G, Simon B, Sattler M, Muhle-Goll C (febreiro de 2005). "Structure and phosphatidylinositol-(3,4)-bisphosphate binding of the C-terminal PH domain of human pleckstrin". Structure 13 (2): 277–286. PMID 15698571. doi:10.1016/j.str.2004.11.012.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Wang G, Zhou Q, Xu Y, Zhao B (2021). "Emerging Roles of Pleckstrin-2 Beyond Cell Spreading". Frontiers in Cell and Developmental Biology 9: 768238. PMC 8637889. PMID 34869363. doi:10.3389/fcell.2021.768238.
- ↑ Hu MH, Bauman EM, Roll RL, Yeilding N, Abrams CS (30 de xullo de 1999). "Pleckstrin 2, a widely expressed paralog of pleckstrin involved in actin rearrangement". J Biol Chem 274 (31): 21515–21518. PMID 10419454. doi:10.1074/jbc.274.31.21515.
- ↑ "PLEK - Pleckstrin - Homo sapiens (Human)". Uniprot. EMBI-EBL. Consultado o 18 de marzo de 2024.
Véxase tamén
Ligazóns externas