Os filopodios[1] (do latín filopodium) son delgadas proxeccións citoplasmáticas que se estenden alén do bordo frontal dos lamelipodios en células migrantes animais[2] e tamén se observan en protistas. Dentro dos lamelipodios, as costelas de actina denomínanse microespiculas e cando se estenden máis alá dos lamelipodios, denomínanse filopodios.[3] Conteñen microfilamentos da proteína actina que establecen enlaces cruzados formando feixes por medio de proteínas formadoras de feixes de actina,[4] como a fascina e a fimbrina.[5] Os filopodios forman adhesións focais co substrato, que os unen á superficie celular.[6] Moitos tipos de células migrantes presentan filopodios, que se pensa que están implicados na percepción de pistas quimiotrópicas e nos cambios resultantes na locomoción dirixida.
Os filopodios exercen un papel na percepción, migración e interacción célula-célula.[2] Para que se cerre unha ferida en vertebrados, certos factores de crecemento estimulan a formación de filopodios en fibroblastos para dirixir a migración dos fibroblastos e pechar a ferida.[8] Nas neuronas en desenvolvemento os filopodios esténdense desde o cono de crecemento no bordo dianteiro. En neuronas privadas de filopodios pola inhibición parcial da polimerización dos filamentos de actina, a extensión do cono de crecemento continúa como é normal, mais a dirección de crecemento está alterada e é moi irregular.[8] Proxeccións similares a filopodios tamén foron ligadas á creación de dendritas cando se forman as novas sinapses no cerebro.[9][10] En macrófagos os filopodios actúan como tentáculos fagocíticos, empurrando os obxectos unidos a eles cara á célula para fagocitalos.[11]
Os filopodios tamén os usan as bacterias para moverse entre as células e así evadirse do sistema inmunitario do hóspede. As bacterias intracelulares Ehrlichia son transportadas entre células a través dos filopodios da célula hóspede inducidos polo patóxeno durante os estadios iniciais da infección.[12] Os virus tamén son transportados ao longo dos filopodios cara ao corpo da célula, o que conduce á infección da célula.[13] Tamén se describiu o transportre dirixido do factor de crecemento epidérmico (EGF) unido a receptor ao longo dos filopodios, o que apoia a proposta función de percepción que teñen os filopodios.[14]
En protozoos son comúns os pseudópodos filiformes (filopodios). Un exemplo son os coanozoos da clase Nucleariida, que son ameboides e con filopodios flexibles e adelgazados no extremo. En antigas clasificacións as amebas filosas eran as que presentaban pseudópodos estreitos e afiados (filopodios); actualmente a maioría están clasificadas como cercozoos.
↑ 2,02,1Mattila PK, Lappalainen P (xuño de 2008). "Filopodia: molecular architecture and cellular functions". Nature Reviews. Molecular Cell Biology9 (6): 446–54. PMID18464790. doi:10.1038/nrm2406.
↑Small JV, Stradal T, Vignal E, Rottner K (marzo de 2002). "The lamellipodium: where motility begins". Trends in Cell Biology12 (3): 112–20. PMID11859023. doi:10.1016/S0962-8924(01)02237-1.
↑Maletic-Savatic M, Malinow R, Svoboda K (marzo de 1999). "Rapid dendritic morphogenesis in CA1 hippocampal dendrites induced by synaptic activity". Science283 (5409): 1923–7. PMID10082466. doi:10.1126/science.283.5409.1923.