Please Please Me foi o segundo sinxelo lanzado polo grupo de rock británicoThe Beatles no Reino Unido, e o primeiro publicado nos Estados Unidos. Tamén é o tema que dá título ao seu primeiro LP, que foi gravado para capitalizar o éxito do sinxelo.[1] Era orixinalmente unha composición de John Lennon,[2][3][4] aínda que a súa estrutura definitiva viuse significativamente influenciada por George Martin.[5]
O 22 de febreiro de 1963, a canción alcanzou o n.º 1 nas listas de sinxelos do New Musical Express (a táboa de éxitos do momento máis recoñecida) e do Melody Maker, pero só chegou o posto n.º 2 na lista do Record Retailer, que evolucionaría despois en lista oficial do Reino Unido reflectindo este último dato.
O sinxelo, que se lanzou inicialmente con «Ask Me Why» na cara B, non foi moi exitoso nos Estados Unidos, pero cando se reeditou o 30 de xaneiro de 1964 (esta vez con «From Me to You» na cara B) alcanzou o n.º 3 no Hot 100 de Billboard.
Composición
The Beatles xa lograran un modesto éxito co seu sinxelo debut «Love Me Do», pero fóra de Liverpool e Hamburgo seguían sendo descoñecidos. Parte do problema consistiu en que a finais de 1962, o grupo iniciara unha última xira en Hamburgo, nese tempo, o sinxelo «Love Me Do» fixo a súa aparición nas listas de éxitos británicas, polo que non estiveron dispoñibles para promocionar activamente o sinxelo na súa terra de orixe.[6] Con todo, o seu produtor George Martin sentía que era un inicio prometedor, e decidiu seguir adiante cun segundo sinxelo. Martin declarou que a versión orixinal do tema era «bastante mala», «demasiado lenta» e, polo tanto, tiña poucas posibilidades de darlle un éxito á banda; insistía en que mellor deberían editar «How Do You Do It?», unha composición de Mitch Murray. Martin pensaba que era a mellor alternativa para conseguir o interese por parte do público. O grupo respondeu que só estaban interesados en gravar o seu propio material.[5] McCartney dixo: «Había como un sinal no grupo de que debiamos rexeitar 'How Do You Do It?'». Ringo Starr comentou: «Recordo que todos nós estabamos dispostos a defender a idea de 'escribimos estas cancións e imos traballar con elas'.» En última instancia, George Martin seguía apelando á canción, pero máis tarde declarou: «[Eu] aínda publicaría 'How Do You Do It?' si eles non me convenceran de escoitar outra versión de 'Please Please Me'.»[7]
Orixinalmente, «Please Please Me» foi composta para o xénero musical blues, con ritmos demasiados lentos. Respecto diso, o seu autor principal comentou:
«Recordo o día en que a escribín (...) Oía a Roy Orbison cantar 'Only the Lonely', ou algo así. E sempre estivera intrigado polo xogo de palabras dunha canción de Bing Crosby que era: 'Please lend a little ear to my pleas', o que me interesou nela foi o dobre uso da palabra please. Así que foi unha combinación musical entre Roy Orbison e Bing Crosby».
John Lennon
Orixinalmente, a canción era vocalmente escasa, non contiña ningunha harmonía vocal, e tampouco a introdución do só de harmónica. George Martin escoitouna por primeira vez nas sesións de gravación de «Love Me Do», o 11 de setembro de 1962, e na súa opinión eran necesarios varios axustes.[8] Martin pediu ao grupo que se fixesen cambios importantes nela, incluíndo aumentar a súa velocidade. Cando se volveu a interpretar no estudo o 26 de novembro de 1962, a canción modificarase radicalmente, de tal xeito que George Martin predixo que a canción sería o primeiro grande éxito da banda.[9]
Gravación
A gravación de «Please Please Me» realizouse durante unha sesión de tres horas no estudo dous de EMI, o 26 de novembro de 1962.[10] O grupo chegou ás 6:00 pm ao estudo e comezou a ensaiar durante unha hora, despois iniciaron as gravacións da canción. Graváronse 18 tomas de «Please Please Me», incluíndo dobraxes do só de harmónica de John Lennon.[10]
Inicialmente McCartney interpretaba as notas altas, mentres que Lennon mantíñase na harmonía, un truco que a banda aprendeu co éxito de The Everly Brothers «Cathy's Clown», en abril de 1960.[2] McCartney dixo: «Fixen o truco de permanecer na nota alta mentres que as melodías deslizábanse por baixo de ela».[11] Ringo Starr afirmou que os períodos de gravación de «Please Please Me» forón moi diferentes aos de «Love Me Do» en relación á súa capacidade musical.[9] O apoio dos afeccionados locais con «Please Please Me» axudou a que fose unha innovación,[12] especialmente a que The Beatles realizasen as súas primeiras xiras no Reino Unido e que fosen capaces de aparecer en influentes programas de televisión nacional como Thank Your Lucky Stars,[13] onde «Please Please Me» foi elixida a única canción que o grupo interpretaría naquela actuación.[14]
«Please Please Me», xunto coas demais cancións orixinais súas pertencentes o seu álbum debut, foi acreditada como McCartney-Lennon. Isto cambiaria nos LP posteriores do grupo, nas que foron acreditadas a Lennon-McCartney.
Lanzamento orixinal estadounidense
Capitol Records, a etiqueta de EMI nos Estados Unidos, recibiu a oferta de lanzar «Please Please Me» nos Estados Unidos, pero rexeitouna.[15] Logo de varios rexeitamentos de distintas empresas discográficas, a gravación foi ofrecida a Vee-Jay Records, quen finalmente aceptou publicar «Please Please Me» nos Estados Unidos.[15] A data exacta do lanzamento nos Estados Unidos perdeuse durante décadas, pero unha investigación publicada en 2004 mostrou que o sinxelo «Please Please Me»/«Ask Me Why» foi publicado por Vee-Jay o 7 de febreiro de 1963, un ano antes da primeira visita de The Beatles aos Estados Unidos.[16]
Dick Biondi, un disc jockey da estación WLS en Chicago e amigo do executivo de Vee-Jay Ewart Abner, tocou a canción na radio, quizais o 8 de febreiro de 1963, converténdose así no primeiro DJ que tocaba unha canción de The Beatles nos Estados Unidos.[17] Art Roberts, DJ lendario e director musical nese momento, comentou como a gravación foi tocada por primeira vez na estación de radio:
«Déixame que che conte a historia de 'Please Please Me'. A canción foi lanzada polo selo Vee-Jay. Era unha compañía discográfica local de Chicago. O propietario, Ewart Abner, trouxo un exemplar da gravación á WLS. Eu era o director musical nese momento e escoitei a súa historia sobre un grupo, e mirei as fotos dunhas revistas para adolescentes que trouxo de Inglaterra. Pensei, e si este grupo chega a ser tan popular nos Estados Unidos como o son en Inglaterra e Europa? Así que agreguei a gravación na lista de reprodución».
Significado da letra
Sobre o significado da letra da canción, algúns vírona como máis atrevida do que ao principio parecía. Para o crítico musical Robert Christgau, certas frases referíanse claramente ao sexo oral, especialmente o verso «You don't need me to show the way, love» (Non me necesitas para mostrarche o camiño, o meu amor,) e o verso «Please please me, oh yeah, like I please you» («Compráceme, oh, si, como eu te comprazo a ti»).[18] O mesmo opinou Tim Riley, que a chamou «a primeira canción pop sobre o sexo oral». Non obstante, aínda que Lennon habería de deslizar a miúdo insinuacións sexuais nas súas cancións posteriores como «Happiness is a Warm Gun», parece que aquí non foi de forma voluntaria. Os Beatles en todos os casos sempre negaron este sentido.[19] O xornalista Steve Turner, ao igual que outros críticos, vírono simplemente como unha celebración da igualdade para o pracer sexual.[18]
Recoñecementos
A información respecto dos recoñecementos atribuídos a «Please Please Me» Esta adaptada de AcclaimedMusic.net[20]
MacDonald, Ian (2005). Revolution in the Head: The Beatles' Records and the Sixties(en inglés) (2ª edición revisada ed.). Londres: Pimlico (Rand). ISBN1-844-13828-3.
Spizer, Bruce (1998). Songs, Pictures and Stories of the Fabulous Beatles Records on Vee-Jay(en inglés). Nueva Orleans: 498 Productions. ISBN0-9662649-0-8.
Spizer, Bruce (2004). The Beatles Are Coming! The Birth of Beatlemania in America(en inglés). Nueva Orleans: 498 Productions. ISBN0-9662649-9-1.
Turner, Steve (1999). L'Intégrale Beatles: Les Secrets de toutes leurs chansons, nouvelle édition augmentée(en francés). París: Hors Collection. ISBN2-258-04079-5.