As plantas de interior son as plantas ornamentais cultivadas en vasos, testos ou xardineiras, destinadas á ornamentación das casas, locais, escritorios, empresas, salas de exposicións etc. Trátase de plantas que pertencen a familias botánicas moi diversas, apañadas ao longo dos séculos polo seu interese decorativo, pola súa capacidade de adaptación a un medio particular, a miúdo con luz insuficiente, ás veces con sobrecalefacción e deshidración, e polo seu cultivo e mantemento doados. Tamén son plantas que purifican o ar e teñen un efecto psicolóxico favorábel. As plantes utilizadas con esta finalidade son practicamente sempre de orixe tropical ou subtropical.
Poden agruparse recreando ambientes selváticos, en invernadoiros e miradoires de vidro; xeito moi habitual na época vitoriana.
Requirimentos destas plantas
Os principais factores que se teñen que considerar para cultivar plantas de interior son a humidade, a luz, a mestura do substrato, os fertilizantes e maila temperatura. Cómpre ter en conta tamén as pragas e doenzas parasitarias (fungos, virus, insectos).
Humectación
Unha rega escasa ou esaxerada é prexudicial para as plantas de interior. Considérase que a principal causa de morte das plantas de interior é a causa de regalas demasiado e a maioría de plantas permiten un certo grao de sequidade no substrato incluso unha seca relativa seguida da humidade axeitada é un requirimento para a floración dalgunhas destas plantas (imita a estación seca e estación húmida das zonas de onde poden ser orixinarias).
Luz
Os dous factores máis importantes da luz para as plantas de interior son a súa intensidade e a súa duración.
As diferentes plantas requiren diferentes intensidades de luz. Acotío a intensidade lumínica mídese en unidades de lux. 100 luxs ou menos considérase "baixa intensidade" ou "indirecta" . Un escritorio alumeado ten uns 400 luxs. 1.000 luxs ou máis considérase "alta intensidade" . A luz directa no exterior atópase no rango de 32.000-100.000 luxs.
A duración da exposición á luz que se considera ideal para as plantas é a de 8 a 16 horas. O fotoperíodo tense tamén que ter en conta nalgunhas plantas coma Poinsettia (flor do Nadal) e Schlumbergera.
Solo
As plantas de interior xeralmente medran en solos especiais feitos de mesturas que fornecen unha boa drenaxe e aeración. A maioría destas mesturas poden conter turba, fibra de coco, vermiculita ou perlita.
Temperatura
A maioría das especies tropicais están afeitas a medrar nun rango de 15 °C a 25 °C , semellante ao da temperatura da maioría dos fogares.
Humidade
As humidades relativas das vivendas acostuman a ficar entre o 20 e o 60% mais a maioría das plantas de interior prefiren un 80%. En Galiza non é raro estar neste nivel de humidade.
Fertilizantes
As plantas confinadas en vasos co tempo esgotan os nutrientes. Pódense fornecer os fertilizantes cambiando o substrato ou engadindo nutrientes mediante adubos sólidos ou líquidos. Os fertilitzantes convencionais incorporan tres números, por exemplo 20–20–20, cada número indica a porcentaxe de nitróxeno, fósforo e potasio respectivamente. Os tres elementos químicos son os esenciais maioritarios. Son tamén importantes outros oligoelementos (ferro, magnesio, cobre, manganeso, cinc, boro, calcio, molibdeno...).