O Pico Duarte érguese no medio da República Dominicana, na Cordilleira Central, o maior cordal do país. Esta cadea montañosa esténdese desde as chairas de San Cristóbal, República Dominicana|San Cristóbal e Bani, até o noroeste da península de Haití, onde é denominada Massif du Nord (Macizo do Norte). Os macizos do Pico Duarte e máis de Valle Nuevo posúen as máximas altitudes da Cordilleira Central.
Historia
Cóidase que o Pico Duarte foi escalado por vez primeira en 1851 polo cónsul británico no país, Sir Robert Hermann Schomburgk, que bautizou o monte co nome de Monte Tina e calculou a súa altura en 3.140 m. En 1912, o padre Miguel Fuertes botou abaixo a estimación de Schomburgk, ao escalar e indicar que La Rucilla era a maior altura da Dominicana. Un ano despois o botánico sueco, Erik Leonard Ekman, afirmou que o británico estivera máis certeiro; ao tempo nomeou os dous cumes do pico como Pelona Grande e Pelona Chica. Durante a ditadura de Rafael Leonidas Trujillo Molina, o máis elevado deses cumes foi denominado Pico Trujillo. Pero, pouco despois da morte do tirano, a montaña foi rebautizada co seu nome corrente de Pico Duarte, que ostentaba en honra a Juan Pablo Duarte, un dos pais fundadores da nación. Un busto de Duarte coroa na actualidade a cima, preto dun mastro onde flamexa a bandeira da República Dominicana e dunha cruz.
Por outra banda, xa desde o século XIX a altura do pico ten sido materia de controversia. Durante varias décadas e até mediados da década de 1990, a altura correntemente exposta era de 3.175 m. En 2003 unha medición con sistema GPS indicou unha altitude de 3.098 m. Os servizos xeográficos da República Dominicana outórganlle unha altura oficial de 3.087 m (altura ao parecer confirmada por diversas medicións de escaladores con GPS ( a máis recente en xaneiro de 2005). Porén o SRTM mantén o dato oficial de 3.098 m. por considerar que é a máis correcta.
A cima Duarte é apenas algo máis alta que La Pelona (3.094 m). Un colado (chamado Valle de Lilis) de aproximadamente 1 km de longo e sito a unha altura media de sobre 2.950 m, separa ambas cimas.
Contorno ambiental
O Pico Duarte está incluído dentro do Parque Nacional José Armando Bermúdez. A montaña e os seus arredores mostran unha paisaxe boscosa, cuberta de piñeiros dominicanos (Pinus occidentalis), entanto o colado do Valle de Lilis presenta herbazais nos que predominan os pajones (Danthonia domingensis).
A fauna componse de diversas especies de aves caribeñas. Tense indicado a presenzas de hutías, baseándose en indicios, mais sen confirmación, non bosques baixos; en troques, si se documentou a presenza de porcos bravos, descendentes dos animais introducidos desde Europa durante a colonización da illa.
O clima é o típico caribeño. En altura pode ser fresco, e nas noites dos meses invernais mesmo pode xear.
Ascensións
A ascensión ao pico é doada. Hai sendas ben sinaladas e cuidadas, que conducen até os 1.997 m de altitude, cun refuxio a 5 km de distancia do cume. O punto de partida máis fácil é desde La Ciénaga, cerca da cidade de Jarabacoa. Nesta última hai axencias de viaxe que arranxan a subida ao monte, subministrando mesmo sacos de durmir. É conveniente levar pastillas de potabilización da auga, a pesar de que hai algunhas fontes no camiño con indicación de que son potábeis.
Hai outra senda, máis impredecíbel, desde o nordeste e saíndo desde San Juan de la Maguana, aínda que vai dar até La Ciénaga, finalmente.