Xenorhabdus luminescens
Photorhabdus luminescens (antes chamado Xenorhabdus luminescens) é unha especie de gammaproteobacterias da familia Morganellaceae, que é un patóxeno letal dos insectos.
Vive no intestino dun nematodo entomopatóxeno da familia Heterorhabditidae. Cando o nematodo infecta un insecto, P. luminescens libérase na hemolinfa e rapidamente mata o insecto hóspede (en 48 horas) ao producir toxinas, como o complexo proteico insecticida de alto peso molecular Tca.[2] P. luminescens tamén produce unha toxina proteica pola expresión dun só xene chamado mcf (do inglés makes caterpillars floppy).[3]
Tamén segrega uns encimas que degradan o corpo do insecto infectado e bioconvérteno en nutrientes, que poden utilizarse tanto polo nematodo coma polas bacterias. Deste modo, ambos os organismos teñen nutrientes suficientes para replicarse/reproducire varias veces. As bacterias entran na proxenie do nematodo a medida que se desenvolven.
P. luminescens, o simbionte bacteriano do nematodo Heterorhabditis megidis, produce 3,5-dihidroxi-4-isopropil-trans-estilbeno. Os experimentos con larvas infectadas do lepidóptero Galleria mellonella apoian a hipótese de que este composto ten propiedades antibióticas que axudan a minimizar a competición con outros microorganismos e impide a putrefacción do cadáver do insecto infectado polo nematodo.[4]
P. luminescens é bioluminescente; porén, a razón disto non se comprende ben.
Informouse que a infección por esta bacteria de feridas de soldados da guerra civil americana na batalla de Shiloh causaba que a ferida resplandecese, e isto axudaba á supervivencia dos soldados debido á produción de antibióticos por P. luminescens.[5][6] Este fenómeno recibiu a denominación informal de "resplandor do anxo."[7]
Non hai informes contemporáneos deste fenómeno, o que significa que podería ser un mito ou ben que as condicións que había daquela, como baixa iluminación, abundancia de sangue, permanecer un tempo no campo de batalla, presenza de vexetación específica, chuvia e humidade, e o tempo que se tardaba en organizar a evacuación médica permitían que se producise o fenómeno, pero non ocorre nas condicións actuais moi diferentes.[8][9]
O xenoma de P. luminescens foi secuenciado. Contén unha proteína MACPF; porén, esta molécula parece non ser lítica.[10] Tamén contén o xene do ARN gcvB que codifica un pequeno ARN non codificante implicado na regulación de varios sistemas de transporte de aminoácidos así como xenes para a biosíntese de aminoácidos.
A deleción do xene hfq causa a perda da produción de metabolitos secundarios.[11]