José González Solla y González, nado en Poio o 18 de decembro de 1966, é un cociñeiro galego, membro fundador do grupo NOVE.[1] É xefe de cociña e propietario do restaurante Casa Solla, cunha estrela Michelín e tres Soles Repsol.[2][3][4]
Traxectoria
Pepe Solla iniciou a súa carreira no mundo da restauración en 1991, cando comezou a traballar no restaurante Casa Solla, que creara o seu pai José González Solla. Inicialmente compaxinou o traballo de sala como catador cos seus estudos universitarios de Ciencias Empresariais.
O seu interese polo mundo do viño e a súa formación con cursos monográficos na Unión Española de Catadores, fan que en 1994 sexa un dos membros fundadores da Asociación Gallega de Sumilleres. Durante varios anos participou en catas profesionais a nivel nacional, gañou o Campionato Galego de Catadores e alzouse co sexto posto no campionato nacional.
En 1995, comezou a súa formación de cociña, o que o levou a converterse en axudante de cociña, función que compaxinou durante un tempo coa de xefe de sala. Tras realizar diversos cursos, por exemplo en Cala Montjoi, da man de Ferran Adrià, en 1999 toma as rendas da cociña de Casa Solla e en 2001 asume a súa xerencia.
Desde entón imparte diversos cursos, clases maxistrais e demostracións de cociña.[5][6][7][8][9] Ademais participa de forma constante en certames gastronómicos nacionais e internacionais, como Madrid Fusión.[10] En 2010 representou a Galicia na Expo de Shanghai.[11]
En 2014, Pepe Solla monta, xunto con Paco Roncero e Marcos Morán, a sociedade Sinergías que, dentro de Platea Madrid, xestiona cinco espazos gastronómicos: La batea, A mordiscos, Castizo, Entrecortes e De cuchara.[12][13][14][15][16][17]
Na actualidade, presenta o programa “Pescados e Mariscos”, en Canal Cocina, onde tamén presentou o programa “Tus Conservas”.[18][19]
Casa Solla
Fundado en 1961 na localidade de Poio (Pontevedra), o restaurante Casa Solla ten de forma ininterrompida unha Estrela Michelín desde o ano 1980, o que o sitúa entre os 8 restaurantes máis antigos de España e o decano de Galicia na Guía Michelín.[20] Ademais, a Guía Repsol 2015 outorgoulle tres Soles Repsol, co que Casa Solla converteuse no primeiro restaurante galego en ter esta distinción.[21][22]
Premios e recoñecementos
- Casa Solla ten unha estrela Michelín e tres Soles na Guía Repsol[23][24]
- Mellor chef de Galicia 2013, en Festival Arco Atlántico[25]
- Premio Exxpopress 2013, na categoría internacional[26]
- Diploma Millesime 2012[27]
- Premio Caldereta 2008, do Diario El Comercio, de Xixón[28]
- Premio Fundación Dionisio Duque 2008[29]
- Premio Dagda HG&T, ao mellor profesional de cociña de Galicia, en 2007
- Casa Solla obtivo o premio Alimentos de España 2000, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente[30]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas