Naceu nunha familia propietaria de terras en San Fins de Brión. Sendo novo accedeu ao cargo de arquidiácono da catedral compostelá. Despois foi deán da catedral de León. Segundo recolle o seu coetáneo Lucas de Tui en De Miraculis Sancti Isidori, tivo que acudir xunto a Martiño de León en busca de cura a unhas febres cuartás que tiña desde meses atrás. Logo de oraren preto do altar de Santo Isidoro, Pedro Muñiz recobrou milagrosamente a saúde. A partir de entón trabou unha forte amizade con Martiño e tivo gran fe en torno á figura Santo Isidoro, a favor de quen dedicou unha homilía.
En 1205 foi nomeado bispo de León, cargo que exerceu durante dous anos.[3] En 1207 chegou como arcebispo a Santiago de Compostela, tomando o nome de Pedro IV. Durante o seu arcebispado fixo valer a súa amizade co pontífice Inocencio III para acadar beneficios para a arquidiocese. Consagrou a catedral en abril de 1211 e soubo manter a estabilidade que se botara en falta na segunda metade do século XII.[4]
Logo de finar, foi soterrado xunto ao Pórtico da Gloria, como deixara disposto. A lámina sepulcral de bronce foi gravada en 1776 polo latoeiro Diego Álvarez[5] e inclúe un epitafio en latín:
COMPOSTELANVS PRESVL PETRVS ~ IIII, FVISTI, TE DIVINA MANVS PERDVCAT, AD DEXTERAM XPTI. OBIT DOMINVS PETRVS MVNIZ ARCHIEPISCOPVS ~ IIII, SVB ERA, MCCLXII ET IIII KALENDAS FEBRVARII.[6]
Pedro IV fuches bispo compostelán. Que a man divina te conduza á dereita de Cristo. O arcebispo Pedro IV Muniz morreu o 29 de xaneiro de 1224.
Labor como arcebispo
A comezos do século XIII era frecuente que no interior da Catedral románica houbese conflitos entre os peregrinos para obter un sitio no que poder rezar o máis preto posible da tumba de Santiago o Maior. Algúns dos enfrontamentos remataban con derramamento de sangue, quedando o edificio execrado e pechado ao culto até que o arcebispo non oficiase de novo o complexo rito de consagración do templo. Porén, o papa Inocencio III permitiu a Pedro Muñiz substituír este proceso por un simple rito de bendición.
O arcebispo conseguiu tamén que o papa Inocencio emitise unha bula contraria aos falsificadores de insignias da peregrinación (o dereito da venda correspondía á basílica por medio de vendedores autorizados e controlados por ela) e que lle permitise empregar o palio arcebispal fóra das dioceses da metrópole.
Sumamente interesado na cultura e a reforma da vida cristiá, como viña sendo habitual nos prelados composteláns, Pedro Muñiz destacou tamén como canonista, colaborando no desenvolvemento do novo dereito culto da Igrexa.[7] Enviou os seus clérigos aos studia franceses e italianos para que se versasen en Humanidades, e tamén amparou as ordes mendicantes instaladas na arquidiocese para avanzar na renovación moral e intelectual do clero. Así, durante o seu arcebispado creáronse en Santiago de Compostela o Convento de San Francisco do Val de Deus e o Convento de San Domingos de Bonaval. Pedro Muñiz permitiu que a orde dominica e a orde franciscana desenvolvesen unha actividade exexética sobre os escritos aristotélicos como De animalibus ou os scripta minora, e permitiu que empregasen os comentarios anteriormente feitos por filósofos como Averroes ou Avicena.[8]
Tanto Pedro Muñiz como o seu sucesor Bernardo II permitiron á pequena burguesía compostelá dotarse dunha organización política, creándose os primeiros gremios e a figura do Concello gañou unha importancia que finalmente acabaría por desbordar a autoridade eclesiástica.
Notas
↑Armesto, V.: Galicia Feudal. Editorial Galaxia, 1971. Páx. 286.
↑del Hoyo, J.: Memorias del Arzobispado de Santiago. Ed. Porto, 1949. Páx. 75 (en castelán).
↑López Ferreiro, A.: Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela, Volumen 10. Imprenta del Seminario Central Conciliar, 1908. Páx. 276 (en castelán).
↑Villaamil Castro, J.: Descripción histórico-artístico-arqueológica de la Catedral de Santiago. Imprenta de Soto Freire, 1886. Páx. 87 (en castelán).