A pediatría é a rama da medicina que estuda ó neno e ás súas doenzas. O termo procede do grego paidos (meniño) e iatrea (curación), pero o seu contido vai máis alá da curación das enfermidades dos nenos, xa que a pediatría estuda tanto ó neno san coma ó enfermo.
Cronoloxicamente a pediatría abrangue desde o nacemento ata a adolescencia. Dentro dela distínguense varios períodos: acabado de nacer (primeiro mes de vida), lactante (1-12 meses de vida), párvulo (1-6 anos), escolar (6-12 anos) e adolescente (12-18 anos).
A puericultura é unha das especialidades da medicina. Quere dicir cultivo dos nenos e vén do latín puerilis: neno e cultura: cultivo, é dicir, a arte da crianza, por iso hoxe fálase da puericultura científica que busca como obxectivo final a capacidade do individuo de triunfar na vida malia a adversidade.
A pediatría social estuda ó neno san ou enfermo na súa interrelación coa súa comunidade ou sociedade. A odontopediatría é a rama da odontoloxía que estuda as afeccións da boca nos nenos. A tendencia actual é fundir todas estas acepcións nun único termo, pediatría.
Historia
Na antigüidade, a atención ó neno situábase fóra do ámbito da medicina. Os escasos textos escritos centrábanse máis na puericultura que no diagnóstico e tratamento das enfermidades dos nenos, e as responsables fundamentais da saúde infantil eran as nais e as comadroas.
A partir do Renacemento comezan a considerarse as enfermidades dos nenos coma unha actividade médica e escríbense libros de orientación máis pediátrica. Durante a Idade Moderna comenzan a aparecer centros dedicados ó coidado dos nenos.
A partir do século XIX a pediatría desenvolve a súa base científica especialmente en Francia e Alemaña, e créanse os primeiros hospitais infantís modernos en Europa e Norteamérica. A pediatría convértese nunha especialidade médica con entidade propia. Durante o século XX produciríase un espectacular desenvolvemento en todos os campos da pediatría que desembocaría na segunda metade do século na aparición de subespecialidades pediátricas.