Pasteurella é un xénero de bacterias gramnegativas, anaerobias facultativas.[1][2] As especies de Pasteurella non son móbiles e son pleomórficas. A maioría das especies son catalase positivas e oxidase positivas.[3] A especie máis salientable é P. multocida.
O hábitat destes microorganismos pode ser o medio ambiente en xeral, pero máis frecuentemente forman parte da microbiota da rexión nasofarínxea de distintas especies de animais domésticos e aves.
Os medios de cultivo para este xénero son o ágar sangue e ágar chocolate. No BHI mostra unha característica especial, xa que forma colonias de cor cincenta, mucoides e cun cheiro característico.
Historia
A primeira bacteria de Pasteurella foi descrita en 1879 por Henry Toussaint e Louis Pasteur. Os seus traballos permitiron a descuberta do axente causante da enfermidade chamada cólera das aves (Pasteurella multocida ou septica), e a obtención dunha vacina con xermes atenuados. O xénero e o nome Pasteurella foron propostos en 1887 polo bacteriólogo C. Trevisan en honor a Pasteur. O xénero chegou a incluír varias especies que despois foron reclasificadas, como Pasteurella pestis, que despois foi renomeada como Yersinia pestis, axente causante da peste bubónica, ou a antiga Pasteurella haemolytica, que despois se chamou Mannheimia haemolytica.
Patoxénese
Moitas especies de Pasteurella son patóxenos zoonóticos, e os humanos poden adquirir unha infección por mordeduras de mascotas domésticas, que orixinan pasteurelose.[4] P. multocida é o axente causante de pasteurelose humana máis frecuente.[5] Síntomas comúns da pasteurelose nos humanos son inchazón, celulite, e drenaxe sanguinolento no lugar da ferida. As infeccións poden progresar ás articulacións próximas, onde poden causar inchazón e artrite.
As Pasteurella son xeralmente susceptibles ao cloranfenicol, penicilinas, tetraciclina, e aos macrólidos.
Pasteurella está presente nas bocas de moitos gatos e cans e frecuentemente nos coellos. Isto é totalmente normal nestes animais, aos que a bacteria non lles causa trastornos e teñen boa saúde. A frecuente presenza da bacteria nas súas bocas é a causa de que cando un animal morde a unha persoa se adopten accións médicas proactivas e defensivas (algunhas veces son necesarios tratamentos antibacterianos).[6]
Pasteurella multocida pode orixinar nas aves unha septicemia fulminante chamada cólera das aves.
En coellos
P. multocida causa morbidez e mortaldade nos coellos, e a síndrome predominante é unha enfermidade das vías respiratorias superiores. P. multocida pode ser endémica nas colonias de coellos e a miúdo transmítese polas secrecións nasais. P. multocida pode sobrevivir varios días na auga en áreas húmidas.[7]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas