O Partido Socialdemócrata Checo (Česká strana sociálně demokratická ou ČSSD) é un partido político de ideoloxía socialdemócrata da República Checa. A nivel internacional pertence á Internacional Socialista, mentres que a nivel europeo forma parte do Partido Socialista Europeo, formando parte do grupo de Aliaza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo.
O ČSSD naceu no ano 1878, cando os territorios que actualmente ocupan a República Checa e Eslovaquia formaban parte do Imperio Austrohúngaro. Dende o ano da súa fundación ata 1893 foi denominado Sociálně-demokratická strana českoslovanská v Rakousku (Partido Socialdemocrático Checoslovaco dos Traballadores), actuando como unha parte do Partido Socialdemócrata de Austria. En 1893 pasou a actuar de xeito independente baixo a denominación de Českoslovanská sociálně demokratická stranu dělnická (Partido Socialdemócrata dos Traballadores Checoslovacos).
Trala fragmentación do Imperio Austrohúngaro e a formación de Checoslovaquia en 1918, o partido presentouse ás eleccións xunto co Sociálnodemokratická Strana Slovenska (Partido Socialdemócrata Eslovaco). Entre 1938 e 1941 pasou a formar parte do Národní strana práce (Partido Nacional do Traballo), un partido de unidade de esquerdas cos socialdemócratas e parte do Partido Nacional Social Checo. Entre 1948 e 1989 o partido únese ao Komunistická Strana Československa (Partido Comunista de Checoslovaquia), aínda que algúns membros se mantiveron no exilio en Londres. Entre 1990 e 1993 pasou a denominarse Československá sociální demokracie (Socialdemocracia Checoslovaca), para adoptar a súa denominación actual en 1993 trala disolución de Checoslovaquia.
Tras gañar as eleccións lexislativas de 1998, o ČSSD formou goberno con Miloš Zeman como primeiro ministro, e conservou o poder dende aquela con Stanislav Gross, e logo da súa renuncia o 25 de abril de 2005 con Jiří Paroubek, quen asumiu o cargo. O ČSSD gañou as eleccións de 2002 con 70 deputados de 200 na cámara baixa, mais perdeu as de 2006 a pesar de que conseguiu elevar o seu número de deputados ata os 74 e acadar un 32,3 % dos votos, xa que se viu superado polo ODS, que conseguiría 7 escanos máis.
Nas eleccións lexislativas de 2010 conseguiu ser a forza política máis votada cun 22,08 % dos votos, por diante do ODS, malia perder unha cantidade considerable de apoios e pasar dos 74 escanos a 56 de 200 posibles.
En 1996 elixiuse todo o senado (81 escanos), nas seguintes eleccións só se escolleu un terzo do Senado.