O parque eólico experimental Sotavento é un parque eólico propiedade da Fundación Sotavento Galicia, situado na Serra da Loba a 10 km ao sur das Pontes de García Rodríguez, entre os concellos de Xermade (provincia de Lugo) e Monfero (provincia da Coruña), a unha altitude de 600–700 m.
O parque de Sotavento ten a súa orixe en 1997 como parque eólico experimental, ten como obxectivo a difusión e experimentación de tecnoloxías eólicas e enerxéticas.
Dende 2002 Sotavento e as súas instalacións son exposicións educativas permanentes. Hai visitas guiadas de estudantes e persoas interesadas en coñecer as enerxías alternativas.
En 2005 iniciouse un proxecto con Gas Natural e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia para a obtención de hidróxeno construíndo no parque unha planta experimental de obtención de hidróxeno a partir da electricidade eólica.
En 2009 iniciou un proxecto de vivenda de máxima eficiencia enerxética construíndo unha vivenda unifamiliar duns 200 m² no propio parque de Sotavento onde se poden ver en funcionamento as tecnoloxías dispoñibles[1].
En decembro de 2012 o parque acadou as 200.000 visitas nos 10 anos que leva en funcionamento[2].