O oxíxeno ou osíxeno líquido, abreviado a miúdo como LOX, LOx ou Lox, é a forma líquida do oxíxeno molecular. Foi usado como oxidante no primeiro foguete propulsado por propelente líquido en 1926, inventado por Robert H. Goddard[1].
Propiedades físicas
O oxíxeno líquido ten unha cor azul clara e é moi paramagnético: pode quedar suspendido entre os polos dun imán o suficientemente intenso[2]. O oxíxeno líquido ten unha densidade de 1,141 kg/l, un pouco máis denso que a auga, e é crioxénico, cun punto de conxelación de 54,36 K (-182,96 °C) a unha presión de 1 bar. Ten unha taxa de expansión de 1:861 baixo unha presión de 1 atmosfera e 20 °C[3][4], polo que se usa nalgunhas aeronaves comerciais e militares como fonte transportable de oxíxeno respirable.
Dada a súa natureza crioxénica, o oxíxeno líquido pode debilitar os materias que toca. Tamén é un axente moi oxidante: a materia orgánica arde rápida e enerxeticamente en oxíxeno líquido. Ademais, materiais como o carbón, completamente submerxidos en LOX, poden detonar de maneira impredecible.[5]
Usos
Comercialmente o oxíxeno líquido clasifícase como un gas industrial e úsase en multitude de aplicacións industriais e médicas. Obtense do oxíxeno que se atopa no aire mediante destilación fraccionada en plantas de separación crioxénica de aire.