Maria Odete da Costa Soares Semedo, nada en Bissau o 7 de novembro de 1959, é unha escritora, política e profesora universitaria de Guinea-Bissau. Traballa como investigadora na capital guineana no Instituto Nacional de Estudos e Pescuda, nas áreas de Educación e Formación.[1]
En 2022 foi Premio Rosalía de Castro do PEN Club.[2]
Traxectoria
Naceu na por entón Guinea Portuguesa. Logo de facer os estudos secundarios no Liceu Nacional Kwame N'Krumah, licenciouse en Linguas e Literaturas Modernas pola Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa no curso 1989/90.
En 1990 regresou ao seu país, e asumiu a coordenación nacional do proxecto de Lingua Portuguesa no Ensino Secundario, financiada pola Fundación Calouste Gulbenkian. Neste mesmo período foi nomeada directora da Escola Normal Superior Tchico-Té, onde tamén foi docente.
En 1995 foi nomeada directora xeral do Ensino da Guinéa-Bissau. Logo de ser presidente da comisión nacional para a UNESCO-Bissau, foi Ministra de Educación Nacional entre xuño de 1997 e febreiro de 1999, e Ministra de Saúde de marzo de 2004 a novembro de 2005[3].
Participou na edición da obra Anthologie de Literatures Francophones de l'Afrique de l'Ouest (1994) e, en 1996 fundou a Revista de Letras, Artes e Cultura Tcholona. Traduciu ao crioulo o guión do filme Olhos Azuis de Yonta da cineasta Flora Gomes e participou na rodaxe do filme como asistente de realización.[4]
En 2006 mudouse ao Brasil para realizar o seu doutoramento en Letras. Na Pontificia Universidade Católica de Minas Xerais, en 2010, defendeu a tese de doutoramento As mandjuandadi – cantigas de mulher na Guiné-Bissau: da tradição oral à literatura.
O 8 de xaneiro de 2013 asumiu o cargo de reitora da Universidade Amílcar Cabral, a convite de Rui Duarte de Barros e Manuel Serifo Nhamadjo, logo da reestruturación da institución. Ocupou o cargo até que foi substituída por Zaida Correia o 20 de setembro de 2014.[5]
Obra
- Entre o Ser e o Amar (1996);
- Histórias e passadas que ouvi contar (2003);
- No Fundo Do Canto (2007);
- Guiné-Bissau - História, Culturas, Sociedade e Literatura (2010)
- Literaturas da Guiné-Bissau - Cantando os escritos da história (2011)
En 2013 foi unha das fundadoras da Associação de Escritores da Guiné-Bissau, amais de primeira secretaria xeral.[6]
Recoñecementos
En 2003 recibiu o premio, na categoría de escritora, de personalidade que contribuíu ao desenvolvemento global de Guinea-Bissau.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Campato Jr, João Adalberto (2012): A Poesia da Guiné-Bissau: História e Crítica. São Paulo: Editora Arte & Ciência.