A primeira obra narrativa de Risco é Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros. Despois, nos números 39 e 40 de Nós inseriu Risco o comezo de Os europeos en Abrantes. O porco de pé retoma o ambiente e o ton burlesco da obra anterior e é unha diatriba da burguesía, unha sátira do castelán que chega a ser alcalde nunha cidade galega. Os personaxes, como se ve no seguinte fragmento do texto, son caricaturas e arquetipos:
Na postguerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a ser alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita.
[...]
Don Celidonio é gordo e artrítico. O carrolo sáelle para fóra; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón, e tan lustrosas, que semellan que botan unto derretido; ás nádegas e o bandullo vánselle un pouco para abaixo.
O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no vran súdao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas, coma as que deitan os chourizos cando están no fumeiro.
Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, tiña que ser con pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesada había atopar un unto. Corpo e alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento).
A novela conta a historia de Don Celidonio, que veu de Castela traballar de mancebo nunha tenda e foi ascendendo socialmente tras casar coa filla do dono.
Perante D. Celidonio, o representante dos intelectuais na novela é o doutor Alveiros, que, achándose en espantosa soidade, remata por claudicar, sumándose ás hostes do alcalde e cacique don Celidonio.
En 2003 editouna de novo Galaxia na Biblioteca Vicente Risco, da colección Literaria[1], e en 2021 publicou unha edición ilustrada, preparada por Raquel Vila-Amado e Tomás González Ahola.