O detective Conan: A pantasma de Baker Street (名探偵コナンベイカー街の亡霊, Beikaa Sutoriito no Bōrei?, literalmente O espectro por Baker Street) é un filme de animación baseado no anime O detective Conan. No Xapón, a estrea deste filme produciuse nos cinemas o 20 de abril do 2002.
En galego, estreouse na TVG o 31 de xullo do 2013.
O novo xogo de realidade virtual trasládanos ao Londres do século XIX. Comezan as aventuras dun grupo de nenos e do noso heroe.
O detective Conan trasládase por vez primeira ao mundo do Londres do século XIX. Nesta ocasión, el e mailos seus amigos fan uso dunha máquina de realidade virtual: o Casulo. O rei da informática, Thomas Schindler, presenta a máquina nunha festa na que cincuenta cativos ricos e famosos, son convidados a probala. Mais ninguén é consciente de que se os nenos non pasan o xogo este terminará coas súas vidas.
Unha vez que comeza o xogo, os Casulos trasladan os nenos aos distintos mundos virtuais. Por causa dos obstáculos preprogramados, os nenos arriscan a súa existencia neste xogo a vida ou morte. Aventuras nesta cidade histórica envolta na néboa por puntos de referencia tan coñecidos coma o Big Ben, White Chapel ou a Casa da Ópera e acompañada por personaxes coma Sherlock Holmes, o profesor Moriarty ou o infame Jack o Destripador.
O único xeito de volver ao mundo real é que quede, polo menos, un supervivente. Todas as esperanzas están postas en Conan para fuxir deste mundo terrible e misterioso. Cal será o seu fado?
A canción empregada na versión orixinal como tema de peche é "Everlasting" ("Eterno"), interpretada por B'z.
Os temas da música de fondo foron compostos por Katsuo Ono, e serían utilizados na serie orixinal a partir do ano 2003.