Santa Cruz do Incio é unha parroquia do concello do Incio, anexa á do Hospital, na provincia de Lugo. En 2011 tiña 221 habitantes (108 homes e 113 mulleres) 18 máis ca en 1991. En 2017, segundo o INE, eran 201 habitantes, 100 mulleres e 101 homes.Só ten un núcleo de poboación, a aldea da Cruz do Incio, capital do municipio.
Esta freguesía, antes incluída na de Sirgueiros, creouse a finais do século XIX.
Etimoloxía
O Incio procede da forma medieval Onitio, rexistrada dende o século IX.[2]
Patrimonio
A igrexa da Cruz do Incio é un dos mellores exemplos de templo moderno galego integrado no espazo. O arquitecto foi o madrileño José Luis Fernández del Amo, que dirixiu as obras de construción (1961-1963) desta igrexa que explora as posibilidades poéticas e expresivas dunha modernidade que se adapta ás condicións da contorna. A boa arquitectura non debe verse, comentaba el, e non hai máis que achegarse ao Incio para comprobalo.
O diálogo establecido entre os materiais tradicionais, como os muros de lousa e os pavimentos de pedra das canteiras luguesas, e os de carácter industrial, como as cerchas e os soportes de aceiro, xera un espazo moderno e agradable. O campanario foi concibido como un prisma de lousa cego cunha esfera de reloxio no medio, unha celosía ranurada na esquina superior e unha estilizada agulla como remate.
As vidreiras, que enchen de luz o tempo, son obra de José Luís Gómez Paredes. O altar, o sagrario e a imaxe das Dores de José Luís Sánchez Fernández[3].
En 2015 a Real Academia Galega de Belas Artes incluíu a igrexa nunha listaxe de trece obras de arquitectura moderna de Galicia para as que pediu a declaración de ben de interese cultural (BIC)[4]. A obra promoveuna o crego Argimiro, que marchou a Arxentina, e rematou os pagos Angel, o seguinte cura, que tamén promoveu a restauración da igrexa do Hospital[5].