Inicialmente, mantén dúas sedes operativas: a sede social e fiscal localízase na Coruña e a sede institucional e dirección efectiva do negocio en Vigo.
Resultado da integración, ao longo de tres décadas, de máis dunha decena de institucións bancarias, Novagalicia Banco constituíu naquel momento o primeiro axente financeiro de Galicia cun 40% de cota de mercado e 680 oficinas operativas en todo o territorio español.[3]
Novagalicia Banco desenvolve un modelo de negocio fundamentalmente retallista e multicanal, baseado na capilaridade e a alta densidade de sucursais.
En Galicia, Asturias e a provincia de León opera baixo a denominación comercial Novagalicia Banco e, no resto de España, baixo a marca EVO Banco. Tras da venda desta marca, constituída en banco independente grazas á concesión dunha ficha bancaria por parte do Banco de España, ao fondo de investimento Apollo Global Management, NCG Banco deixará de operar en decembro de 2013 fóra de Galicia, Asturias e León, tal e como se establece no acordo de reestruturación exixido polas institucións europeas a España como parte do rescate financeiro.[4][5]
Pese a iso, NCG Banco está autorizado a manter durante uns meses unha serie de oficinas de representación nas principais cidades españolas coa propia marca NCG para desfacerse dos seus activos, debendo deixar de prestar servizos financeiros fóra da súa zona territorial tradicional. Antes de 2017, deberá centrar o seu modelo empresarial en préstamos por xunto e préstamos ás peme nas súas principais rexións históricas, debendo abandonar as liñas de créditos a favor de promocións inmobiliarias, e limitarán a súa presenza no mercado por xunto.[6]
Completa a súa estrutura organizativa a Unidade de Xestión de Activos Singulares (Unidad de Gestión de Activos Singulares, UGAS), responsábel da xestión de activos crediticios con debilidades significativas e activos inmobiliarios, e a banca grosista para operacións en mercados financeiros.[7]
NCG Banco, S.A. participaba en 2012 no accionariado de máis de 220 sociedades,[8] a través do seu brazo industrial, Corporación Novagalicia Banco.
Novagalicia Banco naceu o 19 de outubro de 2011 [9] baixo o lema publicitario "Un novo banco cos clientes de toda a vida". A súa imaxe corporativa e logotipo constituíron unha evolución gráfica da imaxe de Novacaixagalicia, entidade que dá orixe á matriz do grupo NCG Banco S.A..
Como primeiro axente financeiro de Galicia, Novagalicia Banco recolleu no seu logotipo a paleta de cores azuis que lle vincula á identidade gráfica e cultural de Galicia e unha tipografía creada de forma específica.[10]
Estrutura operativa
Rede de oficinas
NCG Banco (sen EVO Banco) é unha entidade con 592 oficinas, 4.446 empregados, 59.000 millóns de euros en activos e 1,9 millóns de clientes. Ten 41 oficinas fóra de Galicia da unidade UGAS, para xestionar os activos en saneamento.[11][12]
NCG Banco ten a súa orixe na caixa de aforros Novacaixagalicia, nacida un ano antes da fundación do banco, o 1 de decembro de 2010, froito da fusión das caixas de aforro Caixa Galicia e Caixanova. As exixencias do Real Decreto Lei 2/2011,[15] levaron á creación dun banco a través do cal se operaría o negocio até ese momento de Novacaixagalicia, creando unha filial participada no momento da súa creación totalmente pola caixa.
Desta maneira, NovaCaixaGalicia quedou sen negocio bancario, e a súa existencia limitábase ao mantemento económico da obra social mediante os ingresos obtidos pola súa participación en NCG Banco.
O 14 de setembro de 2011, nace NCG Banco, S.A. Na súa nova etapa, José María Castellano é o presidente executivo da entidade e César González-Bueno Mayer[16] o conselleiro delegado. NCG Banco, S.A. constitúese como a primeira institución [17] na historia financeira de Galicia en empregar o galego para outorgar a súa escritura fundacional.[18]
O 10 de outubro o Estado español, a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) tomou a decisión, tras non cumprir a entidade as exixencias de liquidez determinadas polo Banco de España, e acumulando unha gran débeda herdada das dúas caixas orixinarias, de nacionalizar o banco, adquirindo aproximadamente o 92 % de NCG Banco. Para iso, realizou unha ampliación de capital por 2.465 millóns de euros co obxectivo de dar entrada no seu accionariado ao FROB.[19] Os novos fondos sumáronse aos 1.714 millóns de patrimonio neto achegado por Novacaixagalicia, resultando un patrimonio neto total de 4.180 millóns de euros, un capital principal de 5.275 millóns de euros e un 10,45 % de capital sobre os activos ponderados por risco (APR), cun coeficiente de solvencia do 15,67 %.[20]
O 19 de outubro o banco cambiou a rotulación das oficinas operadas até ese momento por NovaCaixaGalicia e lanzou a marca comercial Novagalicia Banco, baixo o lema "Un novo banco cos clientes de toda a vida".[21] A partir do 14 de novembro comezou a operar con dúas marcas diferenciadas e dous modelos de negocio especializados:[22] Novagalicia Banco, en Galicia e no mercado internacional, e EVO Banco no resto de España. O cambio estratéxico incluíu a creación de dúas novas unidades de negocio: unha especializada na banca grosista, e unha Unidade de Xestión de Activos Singulares (UGAS), especializada en activos non estratéxicos.
2012
O 12 de xaneiro de 2012 entraron no capital do banco 17 empresarios galegos, a través da compra ao FROB do 2,59 % do capital. Este quedou repartido entre o 90,57 % do FROB, o 2,59 % dos investidores privados e o 6,84 % de Novacaixagalicia.[23]
O 12 de marzo comezou a operar fóra de Galicia baixo a denominación comercial EVO Banco.[24] Nas súas primeiras catro semanas de andaina, EVO captou 8.290 clientes e 70 millóns de euros.
O 12 de xullo Novagalicia Banco converteuse no primeiro banco español que presentou unha campaña nos medios de comunicación na que o presidente executivo e o conselleiro delegado da entidade pedían persoalmente desculpas aos seus clientes polos investimentos en ladrillo que as dúas caixas que orixinaron a entidade realizaron durante a época da burbulla inmobiliaria en España e pola venda de participacións preferentes a clientes que non coñecían o risco deste produto financeiro e que actualmente reclaman a recuperación dos seus aforros.[25]
O 27 de decembro o FROB inxectou 5.425 millóns de euros de axudas procedentes do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), polo que tomou o control do 100 % da entidade.[26] Debido a iso, Novacaixagalicia pasou a converterse nunha fundación de carácter especial ao perder o seu capital en NCG Banco.[27]
2013
O 19 de xullo de 2013, o Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) pasou a controlar o 25,57 % de NCG Banco tras o desembolso de 801 millóns de euros para dar liquidez aos preferentistas e titulares de débeda subordinada de NCG Banco.[28]
O 9 de setembro anunciouse a venda das oficinas da marca EVO Banco por parte de NCG Banco á entidade estadounidense Apollo Global Management.[4]
O 18 de outubro EVO Banco foi inscrito no Rexistro Especial de Bancos e Banqueiros do Banco de España. Está previsto que a segregación de EVO Banco termine en decembro para que Apollo Global Management tome definitivamente o seu control.[29].
O 19 de novembro o FROB abriu o proceso ofertas vinculantes para a poxa de NCG Banco. Os bancos interesados foron Banco Santander, BBVA, La Caixa (CaixaBank) e o venezolano Banesco, mentres que entre os fondos que apostaban pola entidade galega foron Guggenheim, WL Ross, JC Flowers e Anchorage.[30][31] As ofertas vinculantes deberían remitirse antes do 16 de decembro e, unha vez recibidas e "sempre que unha non resulte substancialmente máis favorábel que o resto", se abriría unha segunda fase, na que se seleccionarían "as tres entidades que presentaran mellores ofertas". A estas tres se lles pediría entón que realizaran a "súa oferta definitiva".[32]
Finalmente, o 18 de decembro de 2013, o FROB anunciou a adxudicación da poxa por Novagalicia Banco, ante a sorpresa da maioría dos observadores, que apostaban por un banco español, especialmente La Caixa, ao banco venezolano Banesco, propiedade do financeiro venezolano de orixe española Juan Carlos Escotet (naceu en Madrid, fillo de nai asturiana e pai leonés), e que presentou a oferta como Banco Etcheverría/Grupo Banesco (o banco Etcheverría recentemente —decembro de 2012— fora comprado por Banesco). A adxudicación foi por 1.003 millóns de euros, e sen solicitude de axudas públicas. Banco Etcheverría/Grupo Banesco asumiu o control da entidade galega co compromiso de manter a xestión, a sede e a obra social en Galicia, e o emprego, así como abordar a concesión de novos créditos a familias e pemes por un importe superior aos 9.000 millóns de euros. Banesco Grupo Financiero Internacional ten a súa sede en España e actividade en Venezuela, Estados Unidos, Panamá, Porto Rico, República Dominicana, Colombia e España.[33]
A adxudicación de NCG ao primeiro banco privado de Venezuela aliviou a angustia dos traballadores da entidade galega. Banesco, como quedou dito, comprometeuse a garantir o emprego, algo que sería difícil, se non imposíbel, no caso de que a adxudicataria fora unha entidade nacional con rede comercial xa despregada na nosa comunidade. Días antes da poxa, algunhas fontes sindicais de NCG chegaron a cifrar en 3.000 o número de traballadores que se poderían ver afectados por un novo axuste no caso de que a adxudicataria fose Caixabank, a gran favorita até ese momento; isto sería así porque a entidade catalá xa conta con 197 oficinas en Galicia, co que polo menos un número igual de sucursais de NCG sobrarían para evitar duplicacións, ademais de que os servizos centrais, ao pasar a depender doutra entidade, tamén serían prescindíbeis.[34]
Nova directiva
Segundo manifestou en Santiago o presidente de Banesco, Juan Carlos Escotet, o día 19 de decembro, despois de reunirse co presidente da Xunta de Galicia, Javier Etcheverría será o presidente da nova entidade, e Francisco Botas, estreito colaborador de Escotet, o seu conselleiro delegado. Pola súa parte, Escotet, ademais de presidir o Grupo Banesco, ocupará o posto de vicepresidente da entidade galega. Este último anunciou que lle ofrecería un posto no consello a José María Castellano. «Venimos para mucho tiempo» dixo o presidente de Banesco tras reunirse durante unha hora con Alberto Núñez Feijóo, volvendo a manifestar o seu compromiso para manter o emprego e as sedes da entidade: «queremos atender Galicia como se merece» dixo, tras recordar que a súa intención era de que Noivagalicia continuase a ser a entidaded financeira líder na comunidade galega. Porén, Banesco non decidiu aínda a marca coa que operará a parir de agora Novagalicia Banco.[35]
Reaccións de Núñez Feijóo, os empresarios, a oposición e os sindicatos
Coñecedor do desenlace da poxa de NCG, o presidente da Xunta pasou boa parte da xornada do día 18 conténdose para non valorala antes de tempo. De maneira críptica, pola mañá, fixo patente a súa satisfacción no Parlamento de Galicia; á mediodía, tamén indirectamente, reafirmouna nun xantar coa prensa; e, xa entrada a tarde, pasadas as nove, coa noticia feita oficial, non dubidou en pronunciarse tras un acto institucional en Santiago convocado sobre a marcha. «Estamos ante unha adxudicación transparente, limpa e contundente: é o mellor para España e, sen dúbida, para Galicia, con moito», proclamou tras desexar ao banco sorte e compromiso con Galicia. Feijóo, quen nos últimos días mantivera varias conversacións telefónicas con Mariano Rajoy sobre a venda de NCG, considera que a opción triunfadora é a que mellor garante a fluidez do crédito a familias e empresas da comunidade, emprego na entidade, a obra social das antigas caixas de aforros, o mantemento aquí dos centros de decisión e a permanencia do socio investidor a longo prazo no proxecto.[36]
O presidente da Xunta, pola súa parte, despois da reunión antedita, e ao igual que a fixera a noite do día 18 («foi a primeira poxa dun banco na que se obtivo máis que un euro»), insistiu na súa tese de que a vitoria de Banesco na poxa de Novagalicia Banco era «a mellor» das seis opcións posíbeis para os contribuíntes españois e tamén para os intereses xerais da nosa comunidade, de xeito que «constitúe unha boa noticia en si mesma».[35]
Feijóo coincidiu no acto con Juan Díaz Arnau, director xeral de Novagalicia, quen sentenciou que «os empregados poden estar contentos, e os clientes, tranquilos». Unha liña argumental compartida polo líder dos empresarios galegos, José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, que non dubidou en cualificar o desenlace da venda como «o mellor dos posíbeis para Galicia».[36]
Xusto contrario do que sosteñen o resto das forzas políticas. Os grupos da oposición coincidiron en poñer o acento sobre a perda da galeguidade de NCG Banco. Méndez Romeu, portavoz do PSdeG, cualificou a operación de «escurantista» e exixiu explicacións, á vez que acusou a Feijóo de conseguir en cinco anos «arrasar co sector financeiro galego» e que o país sexa «máis feble que nunca» na historia recente. Os socialistas pediron a comparecencia urxente de Feijóo no Parlamento e do ministro Luis de Guindos no Congreso dos Deputados. Pola súa parte, Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE, dixo «dáme igual que sexa venezolana ou que sexa austríaca, porque o que pasa é que non é galega», tras cualificar a operación de «traizón absoluta», mediante a cal se consuma «un espolio» que debería ser motivo de dimisión de todo o Goberno da Xunta. Francisco Jorquera, do BNG, incidiu na perda da galeguidade da nova entidade: «Banesco non é un banco galego», subliñou o portavoz nacionalista, que entende que estamos «ante unha nova estafa aos contribuíntes», pois só se recuperarán 1.000 millóns de eurosa coa venda, dos 9.000 que no seu día se inxectaron con impostos de todos os cidadáns.[36]
Mentres o presidente dos empresarios galegos se mostraba entusiasmado co desenlace, os voceiros dos sindicatos da banca, que representan os traballadores de NCG, exhibían unha maior cautela. «Nós, á espera de coñecer máis detalles, teremos que ver cal é o plan real de negocio do comprador; de manterse todo o emprego, benvido sexa», sostivo Luís Mariño, de CC.OO. O seu compañeiro da UXT, José Ramón del Pliego, expresouse na mesma liña: «indubidablemente, se Banesco é o comprador existen menos solapamentos o que, a priori, é bo para o emprego e os servizos, pero iso teremos que velo máis adiante cando teñamos diante o plan», explicou o portavoz sindical. Desde a CIG, tanto o seu secretario xeral, Xesús Seixo, como o seu portavoz de banca, Clodomiro Montero, non dubidaron en cualificar como un «escándalo» a submisión do poder público ao capital financeiro.[36]