Manoel Rezende de Mattos Cabral, coñecido como Nelinho, nado no Río de Xaneiro o 26 de xullo de 1950, é un exfutbolista brasileiro que xogaba como lateral dereito.[1] Desenvolveu case toda a súa carreira entre o Cruzeiro e o Atlético Mineiro, disputando máis de 700 partidos oficiais. Foi 21 veces internacional coa selección brasileira, coa que disputou dúas Copas do Mundo.
Traxectoria
Inicios
Naceu no Río de Xaneiro, sendo fillo de inmigrantes portugueses procedentes de Ovar, no distrito de Aveiro. Alcumado Nelinho, comezou a xogar ao fútbol no Olaria da súa cidade natal, antes de asinar o seu primeiro contrato profesional co America. En 1970 trasladouse a Portugal para xogar no Barreirense, recomendado polo adestrador brasileiro Otto Glória, pero deixou o país pouco despois, temendo ser chamado para o servizo militar. Tras un breve paso polo Deportivo Anzoátegui de Venezuela volveu ao Río de Xaneiro para xogar no histórico rival do Olaria, o Bonsucesso, que logo o cedeu ao Remo. Despois das súas boas actuacións no Brasileirão de 1972, foi fichado polo Cruzeiro para a tempada seguinte.[2]
Cruzeiro
Militou durante os seguintes sete anos no club de Belo Horizonte, co que gañou o Campionato Mineiro catro veces entre 1973 e 1977, e a Copa Libertadores de 1976, marcando nos dous partidos da final ante o River Plate. Foi elixido tres veces no equipo ideal do Campionato Brasileiro, recibindo a chamada Bola de Prata, en 1975, 1979 e 1980.
Despois dunha breve etapa no Grêmio, co que gañou un Campionato Gaúcho, volveu a Belo Horizonte para xogar de novo no Cruzeiro. Disputou un total de 411 partidos co club, marcando 105 goles.[3] É o xogador que máis goles marcou de falta na historia do club.[2]
Atlético Mineiro
Deixou o Cruzeiro en 1982, por mor do regreso ao banco do adestrador Yustrich, co que tiña unha mala relación, e fichou entón polo máximo rival do club, o Atlético Mineiro.[2] Pasou o resto da súa carreira no club alvinegro, gañando outros catro Campionato Mineiros e foi de novo galardoado coa Bola de Prata en 1983.[4]
Selección brasileira
Foi 21 veces internacional coa selección brasileira, coa que debutou en abril de 1974. Ese mesmo ano e despois de só dous encontros, foi convocado por Zagallo para o Mundial de 1974, onde foi o lateral dereito titular nos tres partidos da primeira fase.
Volveu formar parte do equipo brasileiro no Mundial de 1978 e no partido polo terceiro posto marcou un célebre gol contra Italia cun disparo co exterior do pé dende o lateral da área, dándolle ao balón un efecto que o fixo bordear ao gardameta Dino Zoff e acabar dentro da rede. Está considerado como un dos mellores goles da historia das Copas do Mundo.[1][5]
Marcou un total de seis goles coa selección,[6] coa que tamén participou en dúas Copas América, e gañou unha Copa do Atlântico.
Trala retirada
Despois de retirarse do fútbol uniuse ao Partido Democrático Trabalhista e foi elixido deputado do Estado de Minas Xerais en 1987. Tras un tempo na política volveu brevemente ao fútbol e adestrou o Atlético Mineiro en 1993 e o Cruzeiro en 1994.
Palmarés
- Cruzeiro
- Grêmio
- Atlético Mineiro
- Selección brasileira
- Individual
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas