O movemento dos chalecos amarelos (francés: Mouvement des gilets jaunes), tamén chamado o «gasolinazo», é un movemento social localizado principalmente en Francia –e estendido a outros países como Bélxica– desde novembro de 2018.[1][2][3][4] Os «chalecos amarelos» («gilets jaunes»), chamados así polo uso dos chalecos reflectores obrigatorios para os condutores desde 2008, bloquearon estradas e causaron caos e conxestión en distintas arterias viarias. A manifestación xurdiu do descontento xerado polo aumento dos prezos da gasolina e do diésel, así como dos seus impostos relacionados.[5][6]
Antecedentes
Os prezos do gasóleo ou diésel en Francia aumentaron un 16% durante 2018, debido ao incremento dos impostos de gasolina e diésel no mesmo período, e espérase un maior aumento de impostos para o ano 2019. O presidente de Francia, Emmanuel Macron, foi o principal foco das protestas, debido a que continuou coas políticas implementadas polo goberno do socialista François Hollande.[Cómpre referencia][7]
Cuestión de perda de poder adquisitivo
A sensación de perda de poder adquisitivo é tamén unha das razóns dadas por moitos observadores. A edición de 2018 do "Retrato Social de Francia" do INSEE indica que a renda familiar dispoñible en euros constantes é un 1,2% máis baixa en 2016 que en 2008, é dicir 440 euros ao ano.[8] A diminución dos ingresos afecta a unha gran parte da clase media (67%), que se ve particularmente afectada polo aumento das contribucións da seguridade social e os gravames sobre os ingresos de capital. Segundo o estudo, as reformas fiscais e sociais son a principal causa.[9]
Sentimento de abandono de certos territorios
Unha enquisa publicada en novembro de 2017 polo Centre de recherche pour l'étude et l'observation des conditions de vie destaca un sentimento de abandono por parte das autoridades públicas de certos sectores da poboación. Tres de cada dez persoas cren que viven nun territorio abandonado, sen abonda atención do poder público, e con posibilidades de atención comunitaria (como transporte público) deficientes, un sentimento de abandono que é tanto xeográfico como social. Esta percepción é máis forte en territorios fóra das principais áreas urbanas.[10]
Filosofía e organización
É un movemento totalmente distribuído, no que non existen xefes ou portavoces, e a comunicación se fai por internet mentres que a acción se fai nas rúas, prazas e rotondas.[11] Pode cualificarse de movemento social, mais non encadrado dentro de partidos políticos ou outras caracterizacións, como a xeográfica ou a contraposición cidade-campo.[12]
As propostas e reclamacións dos chalecos amarelos concéntrase en temas relacionados coa defensa do traballo o da estrutura laboral.[12]
Desenvolvemento
Orixes
A diferenza dos eventos anteriores, organizados por sindicatos, este movemento lánzase e desenvólvese inicialmente só a través da web, das redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube) ou plataformas dedicadas.[13]
O 29 de maio de 2018, unha motorista de Seine-et-Marne, Priscilla Ludosky, lanzou unha petición en liña pedindo unha baixa nos prezos do combustible, apuntando á introdución do aumento de 7,6 céntimos por litro para o a gas-oil e 3,8 céntimos/litro para a gasolina que entraron en vigor en xaneiro de 2018, e á importancia dos impostos relacionados co custo do produto.[14] A petición tivo un éxito rápido, acadando 226 000 sinaturas o 25 de outubro de 2018 e logo excedendo un millón a finais de novembro.[15]
O 10 de outubro de 2018, dous condutores de Seine-et-Marne, Éric Drouet e Bruno Lefevre, lanzan en Facebook un chamado ao "bloqueo nacional contra o aumento de combustible" para o 17 de novembro de 2018.[16] Esta idea é asumida por outros protagonistas, que avogan polos bloqueos de estradas e rotondas en varios departamentos franceses.[17]
Desde finais de outubro, varios vídeos se volven virais nas redes sociais, incluído o dunha bretoa, Jacqueline Mouraud, que conta con máis de seis millóns de visitas en novembro.[18]
Primeiras accións
O 9 de novembro de 2018, durante a chegada do Presidente da República Francesa á cidade de Albert, no Somme, con motivo das cerimonias de conmemoración do armisticio de 1918, algúns manifestantes vinculados ao movemento dos chalecos amarelos tentan atoparse con Emmanuel Macron, pero a policía rexeitounos baixo a xustificación de garantir a seguridade do xefe de estado francés.[19] O 10 e o 15 de novembro de 2018, os activistas do movemento deciden bloquear simbolicamente unha rotonda en Neubourg, no departamento de Eure.[20]
O 14 de novembro de 2018, o alcalde de Morbecque, no Departamento do Norte, tiña un enorme chaleco amarelo na fachada do Concello que se amosou como un sinal de apoio ao movemento. O 15 de novembro, organizouse unha "operación de peaxe gratuíta" na rexión de Pau, ademais dunha operación cosco na estrada de circunvalación.[21]
Emmanuel Macron declarou o 14 de novembro: "Teñen dereito a protestar.Eu quero entender. Dígoo desconfiado, hai moitas persoas que queren apropiarse deste movemento". Pero o presidente non volveu falar das decisións do goberno sobre o aumento dos impostos aos combustibles. Pola súa banda, o primeiro ministro, Édouard Philippe, declarou sobre este tema: "Se alguén di 'vou bloquear', sabe que, ao facelo arríscase".[22]
Protestas
As protestas comezaron o 17 de novembro de 2018, e atraeron ao redor dun millón de persoas en toda Francia, que construíron barricadas e bloquearon estradas. O día do inicio do movemento, 280 000 persoas participaron nas protestas, e un manifestante resultou morto nas proximidades de Lyon, cando un automobilista en pánico o atropelou sen intención.[23][24] As protestas continuaron durante os catro días seguintes, con 500 000 persoas bloqueando estradas o 20 de novembro.[25] Ademais, unha decena de depósitos de combustible foron bloqueados polos manifestantes, así como un túnel usado polo tren Eurostar, que conecta o país galo co Reino Unido.[26]
Despois de que as protestas non autorizadas en París elevasen a tensión durante a semana anterior, o Ministerio do Interior francés accedeu a permitir unha reunión o 24 de novembro no Campo de Marte, a área verde que se estende baixo a Torre Eiffel. Ese día as protestas atraeron a 100 000 persoas en toda Francia (106 000 segundo o Ministerio do Interior), incluíndo a 8 000 en París.[27]
Segundo o goberno, a responsabilidade da violencia pode ser atribuída a Marine Le Pen[Cómpre referencia], quen instou á xente a congregarse nos Campos Elíseos; pola súa banda, Le Pen achacou a responsabilidade da violencia ao goberno de Macron, por permitir que as persoas se reunisen nos Campos Elíseos.
As protestas tamén se desenvolveron no departamento de ultramar de Reunión, onde derivaron en saqueos e disturbios. As escolas da illa mantivéronse pechadas durante tres días, debido a que os manifestantes bloquearon as estradas de acceso. O 21 de novembro Macron ordenou o despregamento de tropas na illa para calmar a violencia.[28]
Consecuencias
As protestas dos «gilets jaunes» levaron á morte de tres persoas e a que máis de 750 resultaran feridas, incluíndo a 136 axentes de policía.[29][30]