Santa María de Montouto é unha parroquia do concello lugués de Abadín. Segundo o IGE en 2004 tiña 119 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 79 habitantes, sendo 87 homes e 98 mulleres.
Xeografía
Limita ao norte coas freguesías de Labrada e Silán (esta do concello de Muras), ao sur con San Simón da Costa (concello de Vilalba), ao leste con Labrada e ao oeste co Burgo (concello de Muras). Pertence ao arciprestado de San Simón, e ten 4 lugares e 10 entidades de poboación con 119 veciños, cunha densidade de 5,2 hab/km².
As entidades son A Arca (17), O Carboeiro (4), A Laxe (10), As Leiras (13), A Ponte (10), O Rego Cavado (2), O Salgueiro (8), A Serra (4), A Vacariza (8) e A Veiga (3). Os lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades) son A Cabana Pallaza, As Leiras de Abaixo, As Leiras de Arriba e A Valiña.
Os puntos máis elevados son Fonte da Mesa (900 m) e Costa de Currás (782 m).
Patrimonio
Na Ponte sitúase a antiga igrexa parroquial de Santa María de Montouto. Construída no século XVI, na actualidade está en estado ruinoso, pechada ao culto dende 1965.[Cómpre referencia] É de planta rectangular, dunha soa nave, capela maior e sancristía acaroada na cabeceira. A súa construción realizouse con cachotería granítica e cuberta con lousa a dúas augas. Na fachada presenta un pórtico rústico que encerra a porta principal do arco de medio punto de tipo isabelino, con espadana dun só corpo. O muro dereito exterior da capela maior presenta unha cruz gravada en pedra. No interior: arco triunfal carpanel, sen retablo maior e sen tallas, polo seu traslado ao Museo Catedralicio e Diocesano de Santos.
San Cristovo de Mondoñedo e á nova igrexa parroquial de Montouto. O camposanto está contiguo, con interesante pila bautismal de estilo gótico final.
Áchase na Ponte, tamén, un cruceiro, realizado en granito. Cruz florenzada con Cristo de grandes proporcións e Piedade no reverso de arcaizante factura; capitel con anxos nos lados e volutas nas esquinas; fuste poligonal con atributos da Paixón: lanza cravada no corazón, martelo e tenaces, no lado maior, e no lado menor apréciase unha cabeza, escaleira e cobra; a base, cúbica sobre unha plataforma de dous chanzos cuadrangulares. Non ten inscrición. Noutros lugares da mesma parroquia localízanse outros moitos cruceiros, sendo o presente o mellor exemplar.