Un monte submarino é unha montaña que se eleva do fondo do océano, pero que non chega a sobresaír do nivel do mar.
Definición e características
Os oceanógrafos definen os montes submarinos como estruturas independentes que se elevan polo menos 1000 m sobre o fondo oceánico.
Os montes submarinos formánronse pola acción de volcáns actualmente extintos, que os fixeron emerxer abruptamente. Usualmente encóntranse no leito mariño entre os 1.000 e os 4.000 m de profundidade.
As súas cimas están a miúdo entre os centos e miles de metros por debaixo da superficie, polo que se considera que xacen en mares profundos.[1]
Estímase que hai cerca de 30.000 montes submarinos nos mares da Terra, dos cales só uns cantos están estudados.
A maioría deles agrúpanse en pequenos conxuntos, formando uns a xeito de arquipélagos somerxidos.
Os montes submarinos tenden a proxectarse en zonas pouco profundas e moi propicias para a vida mariña, subministrando hábitats para especies que non se encontran en sectores máis profundos do leito mariño. Debido a que estes montes están illados os uns dos outros, forman "illas submarinas", creando unha zona bioxeográfica especial.
Como están formados a partir de rochas volcánicas, o substrato é moito máis pesado que o leito de sedimentos que o rodea, o que provoca a existencia dun diferente tipo de fauna que a do resto do relevo oceánico, o que comporta a un alto nivel de endemismos.
Ademais, os montes submarinos son vitais puntos de estancia para algúns animais migratorios, como as baleas, que alí poden alimentarse e esconderse de depredadores.
Por outro lado, os montes submarinos posúen incrustacións polimetálicas, e algúns son ricos en metais como cobalto e platino, aínda que a explotación destes recursos é reducidísima.