O monte Faro de Domaio é un monte galego situado na península do Morrazo, na localidade pontevedresa de Moaña. Ten 628,20 m de altura[1] e é a máxima altitude da serra do Morrazo que percorre a península de leste a oeste.
O nome do pico provén da parroquia de Domaio, na que se erixe. Domina as rías de Pontevedra e Vigo cunha situación estratéxica que o converteu nun importante centro de telecomunicacións.
No seu cumio atópase unha zona de lecer chamada Chan da Arquiña que rodea un dolmen e unha mámoa co mesmo nome, e que constitúe a ruta de sendeirismo homónima. O monumento megalítico posúe máis de 5 000 anos de antigüidade, e consta dunha cámara poligonal composta de 11 pedras verticais e dun corredor, composto de 5 pedras verticais. Ten orientación cara ao leste. Nas escavacións encontrouse un enxoval funerario completo composto de diferentes útiles e ferramentas de pedra e fragmentos de cerámica.
Nel nacen varios ríos, pequenos e de caudal irregular, que verten, polo sur na ría de Vigo e polo norte na de Pontevedra. A vexetación está composta por bosque atlántico onde abunda o carballo e o castiñeiro, que van cedendo paso aos eucaliptos e piñeiros que veñen da man da reforestación con fins de explotación forestal.
O terreo é granítico con grandes rochas deste material. Unha estrada sobe até o seu cumio onde hai unha gran cantidade de antenas de todo tipo para servizos de telecomunicacións e televisión.
No cumio do Monte Faro de Domaio instalouse un vértice xeodésico de primeira orde.[2]
Galería de imaxes
-
Vigo (ao fondo) vista desde o monte Faro de Domaio desde
Chan da Arquiña.
-
Faro de Domaio, vista desde o porto de Moaña.
-
Monte Faro de Domaio visto desde o miradoiro das Fragas.
-
Área de lecer Chan da Arquiña-Lago Castiñeiras
-
Dolmen do Chan da Arquiña.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas