Moeda de 5 centavos de dólar Buffalo

5 centavos Buffalo [1]
A/: Retrato dun nativo norteamericano cara á dereita. Data.

Lenda: LIBERTY.

R/: bisonte americano en pé cara á esquerda.

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / FIVE CENTS

A moeda de 5 centavos de dólar Buffalo (en inglés; Buffalo nickel), tamén coñecida como Cabeza de Indio (Indian Head), é unha moeda de cuproníquel con valor facial de cinco centavos de dólar emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1913 e 1938. Foi deseñada polo escultor James Earle Fraser.

Como parte dunha campaña para mellorar a calidade artística da moeda estadounidense, entre 1907 e 1909 cinco moedas circulantes nese país recibiran xa importantes modificacións nos seus deseños. Neste contexto, en 1911 o Goberno de William Howard Taft decidiu substituír o deseño da cabeza da Liberdade creado por Charles E. Barber para a moeda ce 5 centavos e encomendoulle o traballo a Fraser, con cuxa proposta, que amosaba un nativo americano e un bisonte, causou moi boa impresión.

Os deseños aprobáronse en 1912, pero atrasáronse varios meses por mor das obxeccións da Hobbs Manufacturing Company, fabricante de mecanismos para detectar moedas falsas en máquinas que funcionaban con moedas de 5 centavos, á que non convencían as características da nova moeda. A empresa non quedou satisfeita cos cambios introducidos por Fraser no seu deseño e, en febreiro de 1913, o secretario do Tesouro Franklin MacVeagh decidiu emitir igualmente as moedas, a pesar das obxeccións.

Por outra banda, malia os intentos da Casa da Moeda dos Estados Unidos por axustar o deseño, as moedas comezaban axiña a amosar o desgaste provocado pola circulación, e algunhas das súas partes principais, como a data e a indicación do valor facial, chegaban mesmo a borrarse en pouco tempo.

En 1938, logo da expiración do período mínimo de 25 anos durante o cal o deseño non podía ser alterado sen autorización do Congreso, a moeda de 5 centavos Buffalo foi substituída por unha nova de características similares e novo deseño, os 5 centavos Jefferson, creada por Felix Schlag.

Xa no século XXI, o deseño de Fraser foi reutilizado pola Casa da Moeda dos Estados Unidos para a cuñaxe de varias moedas conmemorativas e de investimento de prata e de ouro.

Antecedentes

En 1883 comezara a emitirse a moeda de 5 centavos Liberty Head, con deseños do gravador xefe da Casa da Moeda Charles E. Barber. Logo do seu lanzamento, a moeda tivo que modificarse para engadir a palabra CENTS no reverso, xa que a similitude de tamaño coa moeda de ouro de 5 dólares favorecía que os 5 centavos se dourasen fraudulentamente para os facer pasar por unha moeda de 5 dólares.[2] Unha lei do Congreso, promulgada o 26 de setembro de 1890, exixía que os deseños das moedas non se cambiasen ata despois de vinte e cinco anos en circulación, a non ser que o Congreso autorizase o cambio.[3] A lei exceptuaba da regra a moeda de cinco centavos e o dólar de prata, que podían ser redeseñados en calquera momento.[4] Malia todo, a Casa da Moeda mantivo en produción a moeda de 5 centavos Liberty Head con grandes tiraxes durante a primeira década do século XX.[5]

En 1904, o presidente Theodore Roosevelt expresou o seu descontento co estado artístico da moeda estadounidense.[6] Coa intención de emprender un redeseño xeneralizado, amosou o seu desexo de contratar o escultor Augustus Saint-Gaudens para se encargar deste labor. Limitada pola lei de 1890, a Casa da Moeda só contratou a Saint-Gaudens para o redeseño do centavo e das catro moedas de ouro do sistema. Saint-Gaudens, antes da súa morte en 1907, encargouse do deseño das moedas de 20 dólares e de 10 dólares, que entraron en circulación ese ano, en tanto que a moeda dun centavo, e as de ouro de 5 dólares e de 2½ dólares foron deseñadas finalmente por outros artistas e postas en circulación en 1909. Para daquela, a vella moeda de 5 centavos Liberty Head levaba en circulación máis de 25 anos e podía ser redeseñada, independentemente da disposición especial.[7]

Proba cuñada por Barber
Proposta de Barber para unha nova moeda de 5 centavos, cuñada como proba en 1909.[8][9]

Así as cousas, en 1909, o director da Casa da Moeda, Frank Leach, encargoulle ao gravador Barber a cuñaxe de probas para unhas novas moedas de cinco centavos. Na maioría das probas presentadas por Barber aparecía no anverso a imaxe do primeiro presidente do país, George Washington. Cando a prensa tivo coñecemento da existencia destas probas comezou a especularse con que a nova moeda se poría en circulación a finais dese mesmo 1909. A Casa da Moeda mesmo chegou a recibir pedidos de bancos en previsión da hipotética moeda de 5 centavos de Washington, mais o proxecto interrompeuse cando Leach deixou a dirección da US Mint o 1 de novembro de 1909, e foi substituído no cargo por Abram Piatt Andrew.[7]

Andrew non estaba satisfeito coa moeda dun centavo Lincoln, que se estreara aquel mesmo ano, e considerou a posibilidade de solicitar a autorización do Congreso para a substituír por un novo deseño do escultor James Earle Fraser. Aínda que o cambio do centavo non se produciu, segundo o historiador numismático Roger Burdette: "o entusiasmo de Fraser levou finalmente á adopción da moeda de 5 centavos Buffalo en decembro de 1912".[10]

Inicio

Novo deseño

Franklin MacVeagh, secretario do Tesouro, promotor da creación da moeda de 5 centavos Buffalo.[11]

O 4 de maio de 1911, Eames MacVeagh, fillo do secretario do Tesouro Franklin MacVeagh, escribiulle ao seu pai:[12]

Un pequeno asunto que parece que todos vostedes pasaron por alto é a oportunidade de embelecer o deseño da moeda de cinco centavos durante a súa administración, e paréceme que sería un recordo permanente do máis atractivo. Como probablemente saiban, é a única moeda cuxo deseño se pode cambiar durante a súa administración, xa que creo que hai unha lei que establece que os deseños non se poden cambiar máis de cada vinte e cinco anos. Tamén creo que é a moeda que circula en maior número.

Pouco despois da carta de MacVeagh, o director Andrew anunciou que a Casa da Moeda solicitaría novos deseños para a moeda de 5 centavos. O escultor Fraser, que fora axudante de Saint-Gaudens, púxose en contacto coa Casa da Moeda e elaborou axiña algúns conceptos e deseños. O novo director da Casa da Moeda, George Evan Roberts, que substituíu a Andrew, inclinouse inicialmente por un deseño no que aparecía o presidente asasinado Abraham Lincoln, pero Fraser desenvolveu de camiño un deseño que representaba a cabeza dun nativo norteamericano nunha face e un bisonte americano na outra. Tanto Andrew como Roberts recomendáronlle ao secretario MacVeagh que contase con Fraser para o deseño, e en xullo de 1911 o secretario aprobou a súa contratación como deseñador da nova moeda de 5 centavos. Así e todo, a aprobación oficial tardou en chegar; non foi ata xaneiro de 1912 cando MacVeagh lle pediu a Roberts que informase a Fraser de que recibira a devandita encarga.[13] MacVeagh escribiu: "dille que dos tres esbozos que presentou nos gustaría utilizar o da cabeza do indio e o búfalo".[14] Roberts transmitiulle a noticia e, deseguido, envioulle unha longa listaxe de instrucións ao escultor, na que sinalaba: "o lema In God we trust ("En Deus confiamos") non é necesario nesta moeda e supoño que estamos de acordo en que non debe levar nada que non sexa necesario".[15] Fraser completou os modelos en xuño de 1912 e preparou electrotipos do tamaño da moeda. Levou os modelos e os electrotipos a Washington o 10 de xullo, onde recibiron a entusiasta aprobación do secretario do Tesouro MacVeagh.[16]

O "asunto Hobbs"

O director da Casa da Moeda, George E. Roberts, avogou pola creación da moeda malia o conflito entre Fraser e Hobbs (fotografía de 1913).[17]

En xullo de 1912 fíxose público o novo deseño, e os fabricantes de máquinas expendedoras ou que funcionasen con moedas, como parte interesada, solicitaron información ao respecto. En resposta, MacVeagh informou de que non habería cambio ningún nin no diámetro, nin no grosor nin no peso das moedas con respecto ao modelo anterior. Isto satisfixo a maioría dos empresarios, mais non a Clarence Hobbs, propietario da Hobbs Manufacturing Company, de Worcester, Massachusetts, quen solicitou máis información. Segundo Hobbs, a súa empresa fabricaba un dispositivo que detectaba con total precisión as moedas de cinco centavos falsas introducidas nas máquinas expendedoras.[18] As conversas continuaron durante a maior parte do resto de 1912 e Hobbs, que non vía claro que a nova moeda fose ser aceptada polas súas máquinas, exixiu varios cambios no deseño, ante os que o artista se amosou reticente. Cando en decembro de 1912 a Hobbs Company presentou un deseño modificado para a moeda de 5 centavos, MacVeagh opúxose enerxicamente. O 18 de decembro, Roberts aprobou oficialmente o deseño de Fraser e autorizouse que o escultor completase e perfeccionase o seu deseño, logo do cal se lle aboarían 2.500 dólares polo seu traballo.[19]

O 7 de xaneiro de 1913, o deseño aprobado de Fraser utilizouse para cuñar algunhas pezas a modo de proba. O escultor escribiu máis tarde que lembraba a varios dos traballadores comentando que a nova peza se cuñaba con máis facilidade que a anterior. Posteriormente, Roberts preguntoulle a Fraser se a Hobbs Company ficara satisfeita co deseño e o artista contestoulle ao director da Casa da Moeda que a empresa quería que se fixesen cambios; de feito, Fraser accedeu a reunirse con eles máis adiante. Durante as dúas semanas seguintes, Fraser traballou con George Reith, o mecánico da Hobbs Company que inventara o dispositivo antifalsificación, nun intento de satisfacer as preocupacións da empresa. O 20 de xaneiro, Fraser enviou un telegrama á Casa da Moeda desde o seu estudio en Nova York, no que anunciaba que ía presentar un deseño modificado, e explicou que o atraso se debía "ao traballo co inventor ata que quedou satisfeito".[20] O día seguinte, o superintendente da Ceca de Filadelfia, John Landis, envioulle a Roberts unha mostra do deseño revisado, e declarou que "o único cambio é no canto, que se fixo máis arredondado e destacado".[21]

Clarence W. Hobbs. As obxeccións da súa empresa atrasaron o nacemento da moeda de 5 centavos Buffalo durante meses.[22]

Malia o aparente acordo, a Hobbs Company seguiu interpondo as súas obxeccións. Pedíuselle consello ao gravador Barber, quen declarou que ao mecánico Reith, que asistira á cuñaxe das probas, se lle deran todo o tempo e as facilidades que pedira para probar as novas pezas, e que se declarara satisfeito con elas.[23] O axente da Hobbs Company, C. U. Carpenter, suxeriu que Reith se sentira intimidado polos preparativos que xa se levaran a cabo para a emisión da moeda modificada e, "no canto de sinalar claramente o que a situación exixía, accedeu a adaptar o noso dispositivo á moeda máis doadamente do que estaba xustificado".[24] O 3 de febreiro, Hobbs envioulle a Roberts unha longa listaxe de cambios que quería introducir na moeda, e o escultor tivo que asistir a un encontro con Hobbs e Reith.[25] O día 5, logo desta xuntanza, que concluíu sen acordo, Fraser envioulle ao secretario MacVeagh unha carta de dez páxinas na que se queixaba de que a Hobbs Company lle estaba a facer perder o tempo, e apelaba ao secretario para que puxese fin á situación.[26] MacVeagh accedeu a celebrar unha reunión na súa oficina de Washington o 14 de febreiro. Cando a Hobbs Company solicitou permiso para levar un avogado, Fraser anunciou que el faría o mesmo. A Hobbs Company procurou cartas de apoio da comunidade empresarial, con escaso éxito, en tanto que os esforzos de Fraser por conseguir o apoio dos artistas á súa postura foron máis frutíferos.[27] Barber preparou espécimes de proba que amosaban o aspecto que tería a moeda se se realizaban os cambios exixidos por Hobbs. MacVeagh dirixiu a reunión como se dunha vista xudicial se tratase e o día seguinte emitiu un escrito.[28] O secretario sinalou que ningunha outra empresa expuxera as súas queixas, que o mecanismo de Hobbs non tivera moi boas vendas e que os cambios exixidos —un espazo libre arredor da grafila e o achairamento da fazula do indio— incidirían negativamente no mérito artístico da peza.[29]

Por suposto, é certo que só as consideracións comerciais máis serias deberían interporse no camiño da mellora da cuñaxe, e esta moeda en particular ten grandes pretensións propias, por mor da súa calidade especial. Se deixásemos de cuñar novas moedas —o que sempre se permite cada vinte e cinco anos— por calquera obstáculo comercial que non fose imperativo, teriamos que abandonar por completo unha cuñaxe digna. Isto suporía unha desvantaxe moi seria para a arte da nación, xa que case ningunha forma de arte é máis influente que unha moeda artística que circule amplamente. Xa que logo, por favor, proceda coa cuñaxe da nova moeda de 5 centavos.

Logo de comunicar por escrito a súa decisión, MacVeagh foi informado de que a Hudson & Manhattan Railroad Company, que segundo Hobbs recibira con entusiasmo o seu detector de falsificacións, o retiraba do servizo por insatisfactorio. A decisión do secretario non puxo fin aos esforzos da Hobbs Company, xa que a empresa apelou mesmo ao presidente Taft. Mais, con só dúas semanas restantes do seu mandato, o presidente non estaba disposto a deter a produción da nove moeda —que comezara xa o 18 de febreiro—. MacVeagh escribiu ao secretario de Taft, Charles D. Hilles, nestes termos: "certamente Hobbs obtivo desta Administración todo o tempo e a atención que calquera Administración podería permitirse darlle a unha corporación industrial".[30] O historiador numismático e comerciante de moedas Q. David Bowers describiu o asunto Hobbs como "moita palla e pouco gran dunha empresa cuxos dispositivos non funcionaban ben, nin sequera coas moedas de cinco centavos Liberty Head".[31]

Lanzamento e produción

As primeiras moedas que se distribuíron entregáronse o 22 de febreiro de 1913, cando o presidente Taft presidiu a cerimonia de colocación da primeira pedra do Monumento Nacional ao Indio Americano en Fort Wadsworth, Staten Island, Nova York. O monumento, un proxecto do magnate dos grandes almacéns Rodman Wanamaker, nunca chegou a construírse, e o lugar pasou a ocuparse por un estribo da ponte Verrazano-Narrows. A Casa da Moeda enviou corenta moedas de cinco centavos para a cerimonia, a maioría das cales se distribuíron entre os xefes nativos americanos que participaron.[32] O pagamento polo traballo de Fraser aprobouse o 3 de marzo de 1913, o derradeiro día completo do Goberno de Taft. Ademais dos 2.500 dólares acordados, Fraser recibiu outros 666,15 dólares polo traballo extra e os gastos ata o 14 de febreiro.[33]

As moedas entraron oficialmente en circulación o 4 de marzo de 1913 e axiña recibiron comentarios positivos por representar temas xenuinamente estadounidenses.[34] No entanto, The New York Times afirmou nun editorial que "a nova moeda de cinco centavos é un exemplo sorprendente do que non debe ser unha moeda destinada a unha ampla circulación [...] non é agradable á vista".[35] A revista numismática The Numismatist, nos seus editoriais de marzo e maio de 1913, fixo unha crítica pouco entusiasta da nova moeda, e suxeriu que se reducise o tamaño da cabeza do indio e que se eliminase o bisonte do reverso.[36]

Variantes no reverso [37]
Tipo I (1913) [38]
Terreo elevado baixo as patas do bisonte
Tipo II (1913-1938) [39]
Terreo chan baixo as patas do bisonte

Coa moeda xa en produción, Barber supervisou o ritmo ao que se gastaban os cuños, xa que era responsabilidade do seu Departamento de Gravado subministrar cuños de traballo ás tres cecas que se encargarían da súa produción: Filadelfia, Denver e San Francisco. O 11 de marzo de 1913, escribiu a Landis, superintendente da Ceca de Filadelfia, e comentoulle que os cuños se estaban a desgastar tres veces máis rápido que coa anterior moeda de 5 centavos Liberty Head, en tanto que o seu departamento se esforzaba en producir suficientes cuños novos para satisfacer a produción. Ademais, a data e a indicación do valor facial eran os puntos da moeda máis suxeitos a desgaste, e Landis temía que estes datos chegasen a ser inapreciables.[40] O gravador Barber propuxo revisións, que Fraser aprobou tras recibir mostras.[41] Estes cambios ampliaron a lenda FIVE CENTS e cambiaron o terreo sobre o que se erguía o bisonte, dun outeiro a un terreo chan.[42] Segundo os datos recompilados polo historiador numismático David Lange dos Arquivos Nacionais, os cambios ao que se coñece como tipo II —sendo as orixinais o tipo I— en realidade diminuíron a vida útil do cuño.[43] O novo secretario do Tesouro, William G. McAdoo, quería máis cambios na moeda, pero Fraser pasara a outros proxectos e non estaba interesado modificar outra vez a súa moeda de 5 centavos.[44] O grosor dos números da data incrementouse gradualmente, o que os fixo máis duradeiros, mais o problema nunca se abordou con éxito completo e moitas moedas cuñadas nos anos posteriores teñen a data desgastada.[34]

En 1916 introducíronse pequenos axustes no deseño da moeda de 5 centavos.[45] Déuselle máis énfase á palabra LIBERTY e desprazouse lixeiramente; malia isto, moitas das emisións de Denver e de San Francisco da década de 1920 amosan unha débil cuñaxe desa palabra, especialmente a emisión de Denver de 1926. Por outra banda, Bowers pon en dúbida que se realizase algún cambio no retrato do anverso,[46] en tanto que Walter Breen, na súa obra de referencia sobre as moedas dos Estados Unidos, afirma que Barber alongou lixeiramente o nariz do indio. Segundo Breen, porén, ningunha destas modificacións serviu de axuda, xa que a moeda rara vez se atopou ben cuñada e o deseño sufriu un desgaste considerable durante o resto da súa tiraxe.[47] O corno e a cola do bisonte tamén presentaron problemas de cuñaxe, e de novo as emisións de Denver e de San Francisco da década de 1920 en xeral, e a de 1926-D en particular, amosaron a maior propensión a estas deficiencias.

Exemplar sen a data visible, que amosa os efectos da circulación sobre a moeda de 5 centavos Buffalo.

A peza cuñouse por decenas de millóns nas cecas de Filadelfia, Denver e San Francisco durante o resto da década de 1910. En 1921 comezou unha recesión, e o ano seguinte non se cuñaron moedas de cinco centavos.[48] A cuñaxe máis baixa da serie foi a de 1926-S, con 970.000 exemplares, a única combinación de data e ceca cunha tiraxe inferior a un millón. A segunda cuñaxe máis baixa da serie foi a de 1931 da Ceca de San Francisco (1931-S); a principios do ano esta ceca cuñara só 194.000 unidades e, de feito, non había necesidade de cuñar máis, pero a directora en funcións da US Mint, Mary Margaret O'Reilly, ordenou á Ceca de San Francisco que cuñase máis para evitar o acaparamento das moedas e, utilizando os materiais dispoñibles, incluída a fundición de moedas de cinco centavos gastadas, San Francisco achou metal suficiente para cuñar 1.000.000 de pezas máis en 1931.[49][50]

Unha variedade moi coñecida da serie é a coñecida como "de tres patas" de 1937-D, na que falta unha das patas do bisonte no reverso.[51] Breen conta que esta variedade foi causada por un prensista, o Sr. Young, da Ceca de Denver, que ao tratar de eliminar as marcas dun cuño do reverso, causadas polo contacto dos cuños entre si, eliminou ou debilitou en gran medida accidentalmente unha das patas do animal. Cando os inspectores da Casa da Moeda descubriron e cancelaron aquel cuño, xa se cuñaran milleiros de pezas e xa se mesturaran con outras moedas para a súa distribución.[47]

Outra variedade salientable é a de 1938-D/S, causada por cuños cunha marca de ceca S (San Francisco) que foron repunzonados cun D para seren utilizados na Ceca de Denver. Aínda que o curso real dos acontecementos é incerto, Bowers está convencido de que a os cuños foron repunzonados para evitar que se desperdiciasen, tendo en conta que non se cuñarían os 5 centavos en San Francisco en 1938, pero si en Denver, e xa se sabía que se introduciría un novo deseño para o ano seguinte. O caso do 1938-D/S foi a primeira marca de ceca repunzonada coñecida de calquera moeda estadounidense, o que causou gran entusiasmo entre os numismáticos cando a variedade saíu á luz en 1962.[52][53]

Cando a moeda de 5 centavos Buffalo levaba en circulación o mínimo de 25 anos exixido pola lei para o cambio, foi substituída sen apenas discusión nin protesta. Os problemas da duración do cuño e da débil cuñaxe nunca se resolveran, e os responsables da Casa da Moeda avogaron pola súa substitución. En xaneiro de 1938, a Casa da Moeda anunciou un concurso aberto para o deseño dunha nova moeda de cinco centavos, co busto do primeiro presidente, Thomas Jefferson, no anverso e a súa residencia Monticello no reverso.[54] En abril, anunciouse que o artista gañador do concurso para o deseño da nova moeda fora Felix Schlag.[55]

As derradeiras moedas de cinco centavos Buffalo foron cuñadas en abril de 1938 na Ceca de Denver, a única que as produciu ese ano. O 3 de outubro de 1938 comezou a produción das moedas de cinco centavos Jefferson, que se puxeron en circulación o 15 de novembro.[56]

Deseño

Nunha entrevista radiofónica de 1947, Fraser falou acerca do seu deseño:[57]

Cando me pediron que fixese unha moeda de cinco centavos, pensei que quería facer algo totalmente americano, unha moeda que non se puidese confundir coa de ningún outro país. Ocorréuseme que o búfalo, como parte da nosa esencia occidental, era 100 % americano, e que o noso indio norteamericano encaixaba perfectamente na imaxe.

Anverso

O rostro do indio que domina o deseño do anverso de Fraser era unha composición de varios nativos americanos reais. Breen sinalou —antes da aparición do dólar Sacagawea— que o deseño de Fraser fora o segundo e último deseño de moeda estadounidense que presentaba un retrato realista dun indio, despois do deseño de Bela Pratt de 1908 para as moedas de ouro de 5 dólares e de 2½ dólares.[58]

O xefe síux Cola de Ferro (Ca. 1898-1900).[59]

A identidade dos nativos americanos que Fraser utilizou como modelos é algo incerta, xa que Fraser contou historias diversas e non sempre coherentes durante os corenta anos que viviu despois de deseñar a moeda. En decembro de 1913, escribiulle ao director da Casa da Moeda Roberts que "antes de facer a moeda de cinco centavos fixera varios retratos de indios, entre eles Cola de Ferro [oglala: Siŋté Máza; inglés: Iron Tail], Dúas Lúas [cheyenne: Éše'he Ôhnéšesêstse; inglés: Two Moons] e un ou dous máis, e é probable que reflectise características deses homes na cabeza das moedas, aínda que o meu propósito non era facer un retrato, senón un tipo".[60]

O xefe cheyenne Dúas Lúas (1907).[61]

En 1931, John Dúas Pistolas, fillo do derradeiro xefe da tribo dos Pés Negros, reclamou tamén ser un dos modelos do anverso da moeda. Para intentar pór fin á reivindicación, Fraser escribiu que utilizara tres indios para a peza, entre eles "Cola de Ferro, a mellor cabeza india que lembro; o outro era Dúas Lúas, e o outro non o lembro". No entanto, en 1938 Fraser declarou que os tres indios foran "o síux Cola de Ferro, o kiowa Árbore Grande (kiowa: Ado-ete; inglés: Big Tree), e o cheyenne Dúas Lúas".[62] Malia os esforzos do escultor, seguiu recibindo preguntas sobre a identidade do modelo indio ata a súa morte en 1953.[63]

Non obstante, John Big Tree, un actor de orixe seneca chamado realmente Isaac Johnny John, afirmou tamén ser o modelo da moeda de Fraser e fixo moitas aparicións públicas como o "indio da moeda de 5 centavos" ata a súa morte en 1967 aos 90 anos. Mesmo chegou a ser identificado como o modelo da moeda nos informes dos servizos de noticias sobre a súa morte,[64] e aparecera como tal na convención da Asociación Numismática de Texas en 1966.[62] Logo do seu falecemento, a Casa da Moeda dos Estados Unidos declarou que o máis probable era que non fose un dos modelos da moeda de 5 centavos. Houbo tamén outros reclamantes: en 1964, o senador por Montana Mike Mansfield escribiu á directora da Casa da Moeda, Eva B. Adams, para lle preguntar se Sam Resurrection, un choctaw, era un dos modelos, ao que Adams respondeu: "segundo os nosos arquivoa, o retrato é un retrato robot; houbo moitos reclamantes desta honra, todos os cales son sen dúbida sinceros na crenza de que o seu rostro é o que adorna a moeda de 5 centavos".[64]

Reverso

Segundo Fraser, o animal que aparece no reverso é un bisonte americano chamado Diamante Negro. Nunha entrevista publicada no New York Herald o 27 de xaneiro de 1913, citábase a Fraser dicindo que o animal, ao que non lle daba nome, era un "exemplar típico e greñoso" que atopou no zoolóxico do Bronx. Fraser escribiu máis tarde que o modelo "non era un búfalo das chairas, senón nada menos que Diamante Negro, o animal máis contrario do zoolóxico do Bronx. Estiven de pé durante horas [...] Negouse en redondo a permitirme obter vistas laterais del e amosoume obstinadamente a súa face frontal a maior parte do tempo".[65] Porén, Diamante Negro nunca estivo no zoolóxico do Bronx, senón que viviu no de Central Park ata que foi vendido e sacrificado en 1915. A cabeza montada de Diamante Negro aínda se conserva e mesmo se exhibiu en convencións numismáticas.[31] A colocación dos cornos de Diamante Negro difire considerablemente da do animal que aparece na moeda, o que fai dubidar de que Diamante Negro fose realmente o modelo de Fraser. Outro candidato, citado por Bowers, é Bronx, un bisonte que durante moitos anos foi o líder da manda de bisontes do zoolóxico do Bronx.[66]

Durante unha entrevista co escultor Beniamino Bufano gravada en 1965, este declarou que "fixo" e "deseñou o búfalo" para a moeda, cando era aprendiz de Fraser.[67]

Controversia coa denominación

Desde a súa creación, a moeda coñeceuse en inglés como Buffalo nickel ("níquel Búffalo" ou "moeda de 5 centavos Buffalo"), o que reflicte a forma coloquial nos Estados Unidos para se referir ao bisonte norteamericano. Dado que a peza está cuñada en cuproníquel, cuxa composición é de 75 % de cobre e 25 % de níquel, o destacado numismático Stuart Mosher opúxose a esta nomenclatura na década de 1940, escribindo que non estaba seguro de "por que se lle chama 'níquel búfalo', aínda que o nome é preferible a 'cobre bisonte'". A publicación numismática de maior tiraxe, Coin World, denomínaa Indian Head Nickel ["moeda de 5 centavos Cabeza India"], en tanto que R. S. Yeoman se refire a esta moeda no seu Red Book como Indian Head ["Cabeza India"] ou Buffalo type ["tipo Buffalo"]".[68][69]

Reutilización do modelo

En 2001, o deseño foi readoptado para o seu uso nunha moeda dun dólar conmemorativa coñecida como dólar de prata American Buffalo, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, cunha tiraxe de 500.000 exemplares e destinada ao coleccionismo numismático.[70] A US Mint vendeu a tiraxe completa nunhas semanas e, consonte a lei que autorizaba a emisión,[71] os 5 millóns de dólares recadados destináronse á construción do Museo do Indíxena Americano en Washington, do Instituto Smithsoniano.[70][72][73]

A partir de 2006, a Casa da Moeda dos Estados Unidos comezou a emitir anualmente unha moeda de investimento de 50 dólares cuñada en ouro puro e co peso dunha onza troy, utilizando unha lixeira modificación do tipo I do modelo creado por Fraser. Estas moedas prodúcense na Ceca de West Point, en Nova York.[74][75] Extraordinariamente, a emisión de 2008 desta serie ampliouse tamén a outros valores e pesos inferiores, con idéntico deseño, que abranguían as moedas de 25 dólares (½ onza),[76] 10 dólares (¼ onza)[77] e 5 dólares (110 onza).[78][79]

Tiraxes anuais

Na seguinte táboa reflíctense as tiraxes anuais da moeda de 5 centavos de dólar Buffalo en cada unha das tres casas de moeda onde se produciu, entre 1913 e 1938:[38][39][50][81]

Ano Casa da Moeda de Filadelfia Casa da Moeda
de Denver
Casa da Moeda
de S. Francisco
Estándar Proof
1913 60.852.220 3.034 9.493.000 3.395.000
1914 20,665,738 1.275 3.912.000 3.470.000
1915 20.987.270 1.050 7.569.000 1.505.000
1916 63.498.066 600 13.333.000 11.860.000
1917 51.424.019 0 9.910.000 4.193.000
1918 32.086.314 0 8.362.000 4.882.000
1919 60.868.000 0 8.006.000 7.521.000
1920 63.093.000 0 9.418.000 9.689.000
1921 10.663.000 0 0 1.557.000
1923 35.715.000 0 0 6.142.000
1924 21.620.000 0 5.258.000 1.437.000
1925 35.565.100 0 4.450.000 6.256.000
1926 44.693.000 0 5.638.000 970.000
1927 37.981.000 0 5.730.000 3.430.000
1928 23.411.000 0 6.436.000 6.936.000
1929 36.446.000 0 8.370.000 7.754.000
1930 22.849.000 0 0 5.435.000
1931 0 0 0 1.200.000
1934 20.213.003 0 7.480.000 0
1935 58.264.000 0 12.092.000 10.300.000
1936 119.001.420 4.420 24.814.000 14.930.000
1937 79.485.769 5.769 17.826.000 5.635.000
1938 0 0 7.020.000 0
TOTAIS 919.381.919 16.148 175.117.000 118.497.000

Notas

  1. "5 Cents "Buffalo Nickel" (1913-1938)". Numista.com
  2. Breen, W. (1988). Páxinas 252-253.
  3. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 149.
  4. Richardson, W. A., ed. (1891). 26 Stat L. 484, amendment to R.S. §3510. Páxinas 806-807.
  5. Breen, W. (1988). Páxina 255.
  6. Breen, W. (1988). Páxina 573.
  7. 7,0 7,1 Burdette, R. W. (2007). Páxinas 93-97.
  8. "5 Cents, Pattern, United States, 1909". National Museum of American History. Smithsonian Institution.
  9. "J1938/P2021[Ligazón morta]". Uspatterns.com
  10. Burdette, R. W. (2007). Páxina 98.
  11. Mason, A. E. (1918). Memories of a Friend. Woodworth, Chicago. Páxinas 112-113.
  12. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 340.
  13. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 340-342.
  14. Burdette, R. W. (2007). Páxina 172.
  15. Burdette, R. W. (2007). Páxina 173.
  16. Burdette, R. W. (2007). Páxina 174.
  17. "Roberts, George Evan. Director of the Mint, 1898-1907, 1910". Library of the Congress.
  18. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 181-183.
  19. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 193-194.
  20. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 194-196.
  21. Burdette, R. W. (2007). Páxina 196.
  22. Nutt, C. (1919). History of Worcester and its people. Vol. 3. Lewis Historical Pub., Nova York. Páxina posterior á 128.
  23. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 200-201.
  24. Burdette, R. W. (2007). Páxina 201.
  25. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 345.
  26. Burdette, R. W. (2007). Páxina 204.
  27. Burdette, R. W. (2007). Páxina 205.
  28. Burdette, R. W. (2007). Páxina 206.
  29. Burdette, R. W. (2007). Páxina 207.
  30. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 208-209.
  31. 31,0 31,1 Bowers, Q. D. (2007). Páxina 37.
  32. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 211-213.
  33. Burdette, R. W. (2007). Páxina 210.
  34. 34,0 34,1 Lange, D. W. (2006). Páxina 149.
  35. Burdette, R. W. (2007). Páxina 214.
  36. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 46-47.
  37. "1913 Buffalo Nickel, Type 1 and Type 2". Buffalonickel.org
  38. 38,0 38,1 "5 Cents "Buffalo Nickel" raised ground". Numista.com
  39. 39,0 39,1 "5 Cents "Buffalo Nickel" flat ground". Numista.com
  40. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 252-253.
  41. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 346.
  42. Burdette, R. W. (2007). Páxina 253.
  43. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 45.
  44. Burdette, R. W. (2007). Páxina 255.
  45. Burdette, R. W. (2007). Páxina 287.
  46. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 46.
  47. 47,0 47,1 Breen, W. (1988). Páxina 257.
  48. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 49.
  49. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 115.
  50. 50,0 50,1 "Buffalo Nickel Mintage". Buffalonickel.org
  51. "1937-D Three Legged Buffalo Nickel". Buffalonickel.org
  52. "1938-D/S 5C Buffalo". Professional Coin Grading Service.
  53. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 125-126.
  54. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 127-128.
  55. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 129.
  56. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 141-142.
  57. Burdette, R. W. (2007). Páxina 224.
  58. Breen, W. (1988). Páxina 256.
  59. "Iron Tail". Library of Congress.
  60. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 38-39.
  61. "Two Moons". Library of Congress.
  62. 62,0 62,1 Bowers, Q. D. (2007). Páxina 39.
  63. Burdette, R. W. (2007). Páxina 219.
  64. 64,0 64,1 Porterfield, W. R. (1970). Páxina 16.
  65. Burdette, R. W. (2007). Páxina 223.
  66. Bowers, Q. D. (2007). Páxina 38.
  67. "Oral history interview with Beniamino Bufano, 1965 October 4". Archives of American Art. Smithsonian Institution.
  68. Bowers, Q. D. (2007). Páxinas 41-42.
  69. Yeoman, R. S. (2017).
  70. 70,0 70,1 "American Buffalo Commemorative Coin". United States Mint.
  71. "Public Law 106-375 - OCT. 27, 2000". Govinfo.gov
  72. 72,0 72,1 "1 Dollar American Buffalo". Numista.com
  73. "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 2001 American Buffalo". United States Mint.
  74. "United States Mint Strikes First Pure Gold U.S. Coins for Investors & Collectors". United States Mint. 20 de xuño de 2006.
  75. "American Buffalo Gold Bullion Coin". United States Mint.
  76. "25 Dollars "American Buffalo"". Numista.com
  77. "10 Dollars "American Buffalo"". Numista.com
  78. "5 Dollars "American Buffalo"". Numista.com
  79. "United States Mint Releases 24–Karat American Buffalo Gold Coins July 22". United States Mint. 11 de xullo de 2008.
  80. "50 Dollars "American Buffalo"". Numista.com
  81. "Proof Buffalo Nickels". Buffalonickel.org

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Predecesor:
5 centavos Liberty Head

Moeda de 5 centavos de dólar

(1913 - 1938)
Sucesor:
5 centavos Jefferson

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!