Moeda de 2.000 pesetas de 1996

2000 pesetas de 1996 [1][2]
A/: Cabeza espida de Xoán Carlos I cara á esquerda. Data.

Lenda: JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA

R/: Fragmento de La Maja Vestida e sinatura de Goya. Marca de ceca (M).

LENDA: 2000 PTAS / 1746 / 1996.

A moeda de 2.000 pesetas de 1996 é unha moeda española de prata dese valor facial emitida pola FNMT para conmemorar o 250º aniversario do nacemento do pintor e gravador español Franciosco de Goya y Lucientes, nado en Fuendetodos en 1746.

Trátase da terceira emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, iniciada en 1994.

Marco lexislativo

Mediante unha Orde do 23 de febreiro de 1996, publicada no Boletín Oficial do Estado do 5 de marzo, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data 1996, conmemorativa do 250º aniversario de Francisco de Goya.[1]

Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[1] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —3.781.150 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]

A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[1]

Caracterización

O seu anverso, deseñado e gravado por Manuel Martínez Tornero, amosa un busto de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA e a data de 1996. O conxunto está encerrado por unha grafila lisa.[1][2]

Sinatura de Francisco José de Goya y Lucientes, reproducida na moeda.

Pola súa banda, o motivo central do reverso, obra de Luis José Díaz Salas, é unha reprodución da pintura de Francisco de Goya titulada La Maja Vestida, pintada ao óleo ca. 1800-1808.[1][2]

La Maja Vestida, motivo central do reverso da moeda.

Completan o reverso, na súa parte superior a sinatura do pintor, a expresión do valor facial da moeda, 2000 PTAS, e un M coroado a modo de marca de ceca da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre; e por baixo da figura, as datas da conmemoración, 1746 1996, separadas por unha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver novamente a marca de ceca ou as dúas cifras derradeiras do ano de emisión: 96. En lugar da forma circular habitual, a imaxe latente ten nesta moeda forma de paleta de pintor.[1][2]

A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[2] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Orde do 23 de febreiro de 1996". BOE Nº 56, 5 de marzo de 1996. Páxina 8.580.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "2000 Pesetas - Juan Carlos I Goya". Numista.com
  3. "Moneda de 30 euro / 20 euro / 12 euro / 2.000 pesetas". FNMT - Casa de la Moneda (FNMT.es).
  4. 4,0 4,1 López, F. J. (2023). "Moneda de 2000 pesetas de 1996: Valor y Precio". Coleccionismodemonedas.com. 30 de marzo.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Lamas Bolaño (2023). Catálogo enciclopédico de monedas de España 2024. Lamas Bolaño, Barcelona. ISBN 978-8409545193

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!