A moción de censura contra Mariano Rajoy de 2018 debateuse en sesións plenarias do Congreso dos Deputados do 31 de maio e o 1 de xuño de 2018, e supuxo a caída do seu segundo Goberno, que tivo que presentar a súa dimisión ao rei, e a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España.
Esta foi a cuarta moción de censura desde a transición española á democracia e a segunda presentada contra Mariano Rajoy tras a de Unidos Podemos o ano anterior,[1] así como a primeira de toda a democracia española en prosperar.
O 24 de maio de 2018 a Audiencia Nacional determinou como resultado das investigacións do chamado "Caso Gürtel" a existencia, desde a fundación do partido en 1989, dunha estrutura de contabilidade e financiamento ilegal nas finanzas do Partido Popular (PP), que se desenvolvía en paralelo ao que o propio partido informaba oficialmente.[2] A Audiencia Nacional, na sentenza, argumentaba que o PP axudou a establecer «un sistema xenuíno e efectivo de corrupción institucional a través da manipulación da contratación pública central, autonómica e local».[3] Doutra banda, considerou que Mariano Rajoy non fora «veraz» no seu testemuño como testemuña durante o xuízo.[4]
O 25 de maio a moción de censura foi rexistrada polo Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Unidos Podemos (alianza de Podemos e Izquierda Unida, entre outros moitos partidos), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), o Partit Demòcrata Europeu Català (PDeCAT), Compromís e Nueva Canarias (NCa) anunciaron de inmediato o seu apoio á moción.[5] Ao mesmo tempo, Ciudadanos (Cs) certificou o final do seu apoio ao Goberno e pediu que se convocasen eleccións anticipadas, mentres expresou a súa desvinculación coa acción de Pedro Sánchez.[6][7] Fontes tanto do Goberno como do PP recoñeceron que a moción tiña perspectivas reais de éxito, xa que o apoio do PSOE e Unidos Podemos, xunto co dos partidos nacionalistas e independentistas periféricos, sería suficiente para gañar a votación.[8][9] O 26 de maio, o PSOE aceptou convocar eleccións anticipadas se Ciudadanos se sumaba á moción.[10][11] O Goberno admitiu perder o control da lexislatura e non descartou verse obrigado a convocar eleccións anticipadas para finais de 2018 ou principios de 2019, mesmo se chegase a superar a moción.[12][13][14]
O 1 de xuño de 2018 votouse a moción de censura resultando exitosa con 180 votos a favor, 1 abstención e 169 votos en contra, polo que Mariano Rajoy debeu presentar a súa dimisión ao rei Filipe VI e renunciou como líder do PP, sendo substituído por Pablo Casado.
O Congreso dos Deputados outorgou a súa confianza ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, que foi investido presidente do Goberno. Converteuse así no primeiro presidente español que non era deputado desde que se restableceu a democracia en 1977.[15] Sánchez declarou antes que establecería un goberno «de transición» que asegurase a «gobernanza» do país e recuperase a «normalidade democrática» por mor da crise política desatada polo caso Gürtel, para logo, canto antes, convocar eleccións xerais.[16]
O 1 de xuño de 2018 votouse a moción de censura, finalizando con éxito e dando como resultado a destitución do presidente Mariano Rajoy e do seu Goberno por 180 votos a favor, 169 en contra e 1 abstención; e a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.[17]