O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é un departamento ministerial do Goberno de España encargado do desenvolvemento das políticas gobernamentais en materia de medio ambiente, enerxía, minería, desenvolvemento sustentable, protección do patrimonio natural, da biodiversidade e do mar, auga, loita contra o cambio climático e a dirección dun modelo produtivo e social máis ecolóxico. A actual ministra é Teresa Ribera.
Funcións
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xustificou a creación da carteira de Transición Enerxética pola necesidade de concentrar as políticas encamiñadas a construír un futuro sustentable .[1] Neste sentido, este novo ministerio aglutinará todas as competencias enerxéticas e ambientais coas que se pretende, entre outros, acelerar a descarbonización en España .[2]
Segundo o Real Decreto 864/2018, de 13 de xullo, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio para a Transición Ecolóxica, corresponde ao Ministerio para a Transición Ecolóxica:[3]
- A proposta e execución da política do Goberno en materia de loita contra o cambio climático, protección do patrimonio natural, da biodiversidade e do mar, auga, e enerxía para a transición a un modelo produtivo e social máis ecolóxico.
- A elaboración da lexislación estatal en materia de augas e costas, medio ambiente, meteoroloxía e climatoloxía.
- A xestión directa do dominio público hidráulico, do dominio público marítimo-terrestre.
- A representación do Estado nos organismos internacionais correspondentes a estas materias, sen prexuízo das competencias do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.
- A coordinación de actuacións, a cooperación e a concertación no deseño e aplicación de todas as políticas que afecten o ámbito de competencias das comunidades autónomas e das restantes Administracións públicas, propiciando a súa participación a través dos órganos e instrumentos de cooperación adecuados.
- O desenvolvemento da política enerxética e mineira nacional, xunto coas medidas destinadas a asegurar o abastecemento enerxético e a coordinación da proxección exterior na materia, garantindo unha correcta regulación do sector e a análise e seguimento destes mercados, xunto coas competencias en minería, todo iso no marco da transición ecolóxica.
Estrutura
1. O Ministerio para a Transición Ecolóxica estrutúrase nos seguintes órganos superiores e directivos:[4]
- A Secretaría de Estado de Enerxía, da que depende a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas.
- A Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas.
- A Secretaría de Estado de Medio Ambiente, da que dependen os seguintes órganos directivos:[5]
- A Dirección Xeral da auga.
- A Oficina Española do Cambio Climático, con rango de dirección xeral.
- A Dirección Xeral de Biodiversidade e Calidade Ambiental.
- A Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar.
- A Subsecretaría para a Transición Ecolóxica.
- A Secretaría Xeral Técnica do Ministerio para a Transición Ecolóxica
- Gabinete do Ministerio.
Organismos adscritos
Quedan adscritos directamente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica os seguintes organismos:
- O Organismo Autónomo Parques Nacionais.
As relacións entre o Goberno e o Consello de Seguridade Nuclear fanse a través deste Ministerio.
Notas