Millie Elizabeth Hughes-Fulford, nada en Mineral Wells (Texas) o 21 de decembro de 1945 e finada o 4 de febreiro de 2021, foi unha astronauta estadounidense que formou parte da misión STS-40.[1][2][3]
Traxectoria
Hughes-Fulford graduouse en química e bioloxía pola Universidade do Estado de Tarleton en 1968, cun doutoramento pola Universidade de Mulleres de Texas en 1972.[1][2][3]
Carreira na NASA
Foi seleccionada pola NASA en xaneiro de 1983, participando na misión STS-40 Spacelab Life Sciences ( SLS 1), a primeira misión de Spacelab dedicada a estudos biomédicos, pasando un total de 9,09 días no espazo.[1][2]. A misión SLS-1 realizou 146 órbitas ao redor da Terra e a súa tripulación completou máis de 18 experimentos, traendo máis datos médicos que calquera outro voo anterior da NASA.
Foi a investigadora Principal nunha serie de experimentos Spacehab / Biorack, que examinaron a regulación do crecemento dos osteoblastos (células óseas). Estes experimentos voaron no STS-76, en marzo de 1996, a STS-81 en xaneiro de 1997 e a STS-84 en maio de 1997. Estes estudos examinaron as causas fundamentais da osteoporose que ocorre nos astronautas durante os voos espaciais.[4] En colaboración con Augusto Cogoli de Suíza, estivo a examinar os cambios na indución de xenes de células T en voos espaciais nun experimento conxunto NASA / ESA da Estación Espacial Internacional. Este estudo ( Leukin) examina o mecanismo de acción que causa a diminución da activación das células T na microgravidade, un problema médico que se descubriu por primeira vez no regreso dos astronautas do Apollo. [4]
Hughes- Fulford foi profesora no Centro Médico da Universidade de California en San Francisco, onde continuou a súa investigación.[5] Como directora do Laboratorio de Crecemento e Diferenciación Celular e Asesora Científica da Subsecretaría de Asuntos de Veteranos, estudou o control do crecemento do cancro de próstata humano e a regulación da activación ósea e linfocitaria.[4]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Mark Wade (2020). "Hughes-Fulford, Millie Elizabeth" (en inglés). Consultado o 17 de maio de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 NASA, ed. (29 de outubro de 2010). "NIH Grant Recipient Dr. Millie Hughes-Fulford" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2022. Consultado o 17 de maio de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 NASA, ed. (5 de febreiro de 2021). "NASA Remembers Millie Hughes-Fulford" (en inglés). Consultado o 6 de febreiro de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 February 2021, Robert Z. Pearlman 05. "Millie Hughes-Fulford, NASA's first female payload specialist in space, dies at 75". Space.com (en inglés). Consultado o 2021-05-02.
- ↑ "Millie Hughes-Fulford, the First Woman Scientist in Space, Dies at 75". Millie Hughes-Fulford, the First Woman Scientist in Space, Dies at 75 (en inglés). Consultado o 2021-05-02.
Véxase tamén
Outros artigos