Miguel Porto Hermida, nado o 20 de decembro de 1980 en San Miguel de Oia (Vigo) é un debuxante de banda deseñada e ilustrador galego.
Traxectoria
Comezou debuxando de neno e conseguiu algúns premios locais coma o premio infantil do I Salón de Cómic de Vigo. Fixo o bacharelato artístico no Instituto Politécnico de Torrecedeira (Vigo), e fundou o seu primeiro fanzine, Alopecia Mental. Estudou na Academia de Cómic e Ilustración de Víctor Rivas e licenciouse en Belas Artes en Pontevedra (Universidade de Vigo) en 2004.
En 2002 comezou a debuxar para a revista Golfiño para a que creou as series de Lúa e Niko Natas. Nese tempo comeza a traballar nas publicacións clásicas de comezos do século XXI BD Banda ou Barsowia. A súa actividade fancineira continuaraa en publicacións como ARGH!, Carne Líquida, Fanzine Enfermo, Lunático, Dos veces breve, OINK!, Mongolia, Humo, El Manglar ou A viñeta de Schröedinger[1].
Traballou como creativo e deseñador web na empresa Visual Publinet, e como deseñador e ilustrador de videoxogos para Imaxin Software[2], empresa líder do sector do videoxogo educativo. En 2012 empezou a traballar como docente en O garaxe hermético, a escola de banda deseñada e ilustración que fundou Kiko da Silva en Pontevedra.
En 2014 botou a andar o festival Bosquexo, un campamento de debuxo ao natural para adultos na aldea de Senderiz, que tivo unha continuidade anual[1].
Obra
En videoxogos
- Mayu (Imaxin Software, 2002): fondos.
- Vetas (Imaxin Software, 2003): fondos e deseño de personaxes.
- O mundo nas túas mans (Imaxin Software, 2004): dirección artística, animación e deseño de personaxes.
- El medallón de la fortuna (Imaxin Software, 2004): dirección artística e animación.
Banda deseñada
Obra colectiva
- 2011: Yes, We Camp! Bocetos de una (R)evolución.
- 2018: O puño e a letra.
Notas