Un medio de comunicación de masas é un termo empregado para chamar o sector dos medios de comunicación especificamente concibidos e deseñados para ter unha audiencia o máis numerosa possible, en xeral coidando por maximizar este parámetro e non optimizalo. Tamén é o nome que recibe a interacción entre un emisor único (ou comunicador) e un receptor masivo (ou audiencia), un grupo numeroso de persoas que cumpran simultaneamente tres condicións: ser grande, ser heteroxéneo e ser anónimo. Os medios de comunicación de masas só son instrumentos da comunicación de masas e non o acto comunicativo en si.
Malia que nun principio un medio de comunicación é calquera instrumento empregado para transmitir e recibir datos, o termo úsase para nomear aqueles que son quen de achegar a un gran público a información, o entretemento ou a propaganda. Co estabelecemento dunha rede de radio a partir da década de 1910 e a xeneralización de xornais con gran tiraxe, orixinouse o termo de Mass media, concepto da década de 1920.
A masa dos medios de comunicación é unha colección diversificada de medios tecnolóxicos que chegan a unha grande audiencia a través da comunicación de masas. As tecnoloxías a través da cal se leva a termo esta comunicación inclúen unha variedade de puntos de venda. A comunicación de masas é aquela comunicación na cal as mensaxes son transmitidas publicamente, empregando medios técnicos, indirectamente e unilateralmente. Esta comunicación provoca que nos dirixamos a un público disperso ou colectivo. Polo tanto, esta comunicación crea un imaxinario colectivo que provoca que toda a poboación teña unha mesma idea sobre o que as masas queren, creando un estereotipo do cal ten que ser.
As organizacións que controlan estas tecnoloxías, como estudios de cine, as editoriais e as canles de televisión e radio, tamén son coñecidos como medios de comunicación de masas.[1][2]
Os medios de comunicación de masas atribúense a unha sociedade e un modelo de vida moi concreto, como é a sociedade de masas, que ten a súa orixe na Idade Contemporánea e que se caracteriza pola revolución industrial, que produce o abandono da agricultura en favor da industria e os servizos, grandes movementos demográficos que inclúen o éxodo rural, e a mecanización do traballo, que fai que as máquinas substitúan ós artesáns. Os grandes cambios sociais da sociedade industrial foron acompañados dun cambio na visión individual da forma de vida, e nas ligazóns entre as comunidades.
Clasificación
Debido á complexidade dos medios de comunicación, Harry Pross (1972)[3] separounos en tres categorías, a partir do seu grao técnic. En 1997 Manfred Faßler, contribuíu cunha nova categoría, quedando a clasificación seguinte:
Medios secundarios (obxectos): Precisan do uso de tecnoloxías do lado do produtor de contidos. O receptor da información precisa dispoñer directamente do obxecto que contén a comunicación pero non precisa ningunha ferramenta, máquina nin sistema para decodificala. Exemplos: libro, xornais, revistas, etc.
Medios terciarios (máquinas): Precisan do uso de tecnoloxías diferentes do lado do produtor de contidos e do receptor. O receptor precisa dispoñer dun medio, máquina ou sistema xeral que lle permita acceder ós contidos de comunicación. Exemplos: radio, televisión, picadiscos de música, etc.
Medios cuaternarios (medios dixitais): Permoten a comunicación sincrónica e asincrónica e a interacción. Precisan do uso de tecnoloxías semellantes do lado do produtor de contidos e do receptor. A división destes últimos (produtor e receptor) tende a desaparecer. Os medios cuaternarios ou medios dixitais son parte dos chamados "novos" medios de comunicación.
Características
A utilización dos medios de comunicación de masa implica organizacións xeralmente amplas, complexas, con gran número de profesionais e extensa división de traballo. A empresa xornalística envolve o traballo dos directores, periodistas, redactores, fotógrafos, diagramadores, ilustradores, gravadores, persoal de oficina... Como a manutención dunha organización de comunicación de masa é bastante onerosa, estas dependen dos imperativos do consumo para sobreviviren ou se expandiren: máxima circulación, no caso de libros e filmes; garantía de audiencia e venda de publicidade, no caso dos xornais, revistas, radio e televisión.
Por outra banda, os medios de comunicación de masas necesariamente abranguen máquinas na mediación da comunicación: aparellos e dispositivos mecánicos, eléctricos e electrónicos posibilitan o rexistro permanente e a multiplicación das mensaxes impresas (xornais, revistas, libros...) ou gravadas (discos, ...) en milleiros ou millóns de copias. A produción transmisión e recepción das mensaxes audiovisuais (radio, televisión) precisa milleiros ou millóns de aparellos receptores.
Outra característica típica dos medios de comunicación de masas é a posibilidade que presentan de atinxir simultaneamente unha vasta audiencia, ou, dentro de breve período de tempo, centenas de milleiros de oíntes, de espectadores, de lectores. Esa audiencia, ademais de heteroxénea e xeograficamente dispersa, está, por definición, constituída por membros non identificados pola fonte, aínda que a mensaxe estea dirixida especificamente para unha parcela determinada de público (un só sexo, unha determinada xeración...).
A pesar de que a comunicación auténtica é a que se asenta nun esquema de relacións simétricas, nunha paridade de condicións entre emisor e receptor, na posibilidade de oír ó outro e ser oído, como posibilidade mutua de entenderse, os medios de comunicación de masas son vehículos, sistemas de comunicación nun só sentido, mesmo que dispoñan de varios feedbacks, como índices de consumo, ou de audiencias, cartas á organización etc. Esta característica distíngueos da comunicación persoal, na cal o comunicador conta cunha inmediata e continua retroalimentación da audiencia, intencional ou non. Isto leva a dicir a algúns teóricos dos medios que aquilo que obtemos mediante os medios de comunicación de masas non é comunicación, pois esta é vía de dous sentidos, e polo tanto, os ditos medios deberían ser denominados vehículos de masa.
Notas
↑"Mass media", Oxford English Dictionary, versión en liña de novembro de 2010
Bösch, Frank. Mass Media and Historical Change: Germany in International Perspective, 1400 to the Present (Berghahn, 2015). 212 pp. online review
Cull, Nicholas John, David Culbert e David Welch, eds. Mass Persuasion: A Historical Encyclopedia, 1500 to the Present (2003) 479pp; worldwide coverage
Folkerts, Jean e Dwight Teeter, eds. Voices of a Nation: A History of Mass Media in the United States (5th Edition, 2008)