Un exemplo marítimo: chamada de
mayday feita polo
MV Summit Venture cando colidiu coa ponte Sunshine Skyway Bridge en 1980, provocando que colapsase.
Mayday (en inglés: mayday, [ˈmeɪ.deɪ] (AFI), escoitar) é un sinal de socorro utilizado internacionalmente como chamada de emerxencia nas comunicacións de radiotelefonía.
Emprégase para indicar unha emerxencia na que hai risco de perder a vida en diversos ámbitos como na aviación e na mariña e, nalgúns países, tamén o utilizan as forzas policiais, os bombeiros e as organizacións de transporte. A chamada sempre se fai tres veces seguidas para evitar confusións: «mayday mayday mayday».[1]
Orixe do termo
Aider é o infinitivo do verbo reflexivo «axudar» na sintaxe francesa. Non obstante, non se usa como unha orde imperativa por si mesma. Por este motivo a conversión realmente quere dicir, abreviado en francés, «venez m’aider» («acudídeme»). A forma imperativa "m'aidez" (gramaticalmente o correcto sería «Aidez-moi») considérase unha alternativa aceptable.
No entanto, en ambos casos mayday debe ser considerada unha representación fonética inglesa. Convén resaltar que en inglés a frase utilízase só como chamada de socorro, mentres que no francés ten menos sentido de urxencia que a súa forma en inglés. O que os francofalantes utilizan en caso de emerxencia é a chamada «au secours!» (en francés: au secours, [o sə.kuʁ] (AFI), «socorro!»).
Chamada de auxilio
A situación na que se utiliza mayday é cando unha embarcación, un avión ou un vehículo se atopa en perigo grave e inminente, e require axuda inmediata. As situacións de «perigo grave e inminente» nos que sería apropiada unha chamada de mayday poden ser lume, explosión ou afundimento. Tamén se utiliza en aeronáutica, cando a aeronave está en grave risco de accidente, xa sexa por fallos nos sistema de navegación, condicións climáticas adversas, secuestro, ameaza terrorista etc.
Seelonce mayday
"Seelonce mayday" (en inglés: seelonce mayday, [si.lɑ̃s ˈmeɪ.deɪ] (AFI)) é unha esixencia para que o canal se utilice unicamente polos buques e as autoridades involucradas na emerxencia. O canal non se pode utilizar polo tráfico convencional ata que se transmita "seelonce feenee" (en inglés: seelonce feenee, [si.lɑ̃s fi.ni] (AFI)). "Seelonce feenee" significa que a situación de emerxencia rematou e o canal pode usarse normalmente a partir dese momento.
Tanto "seelonce mayday" como "seelonce feenee" só poden ser comunicados pola estación de control a cargo da emerxencia.
A expresión "stop transmitting – mayday" é o equivalente aeronáutico de "seelonce mayday". "Seelonce distress" e "prudonce" xa non se utilizan dende a Conferencia Mundial de Radiocomunicación do ano 2007 da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT). "Distress traffic ended" é o equivalente aeronáutico de "seelonce feenee".[2]
Historia
A chamada de emerxencia mayday xurdiu en 1923 no aeroporto de Croydon en Londres dun operador de radiotelefonía.[3] Solicitóuselle ó operador Frederick Stanley Mockford[4] que pensara unha palabra que indicase angustia e que fose comprendida facilmente por tódolos pilotos e o persoal de terra durante unha situación de emerxencia. Dado que naquel momento no aeroporto de Croydon gran parte do tráfico se producía co aeroporto de Le Bourget en París, propuxo a expresión mayday do francés m'aider, forma abreviada de «venez m'aider» («acudídeme»).[5]
En 1927 a chamada de emerxencia mayday foi adoptada pola Convención Radiotelegráfica Internacional de Washington como chamada de socorro radiotelefónica. Antes de mayday, SOS era o seu equivalente radiotelegráfico no código Morse.[6]
Notas
- Tódalas referencias en inglés agás cando se indique o contrario
Véxase tamén
Outros artigos