Martin Niemöller, nado en Lippstadt (Renania do Norte-Westfalia) o 14 de xaneiro de 1892 e finado en Wiesbaden (Hesse) o 6 de marzo de 1984, foi un pastor luterano alemán.
Traxectoria
Graduouse como oficial naval e durante a Primeira guerra mundial comandou un submarino. Despois desa guerra comandaba un batallón no Ruhr e participou na represión contra os comunistas. Entre 1919 e 1923 estudou Teoloxía en Münster. Xa como pastor apoiou ao comezo a política anticomunista, antisemita[1] e alemán nacionalista de Adolf Hitler.
Reaccionou ao fin contra o nazismo en 1933 cando Hitler, no desenvolvemento da política totalitaria de homoxeneización, denominada oficialmente Gleichschaltung, impuxo sobre as igrexas protestantes ao grupo dos Deutsche Christen (cristiáns alemáns) que uniron 28 igrexas rexionais ao redor dunha denominada Igrexa Evanxélica Alemá (Deutsche Evangelische Kirche DEK), á que acudiron a maioría dos protestantes alemáns. A DEK impuxo o "parágrafo ario" (Arierparagraph) que excluía da igrexa a todo crente con antepasados xudeus.
Niemöller fundou entón xunto con Dietrich Bonhoeffer, a Igrexa Confesante (Bekennende Kirche), que se opuxo á nazificación das igrexas alemás. Pola súa oposición ao control estatal nazi sobre as igrexas, Niemöller foi arrestado o 1 de xullo de 1937 e condenado o 2 de marzo de 1938 a sete meses de cárcere por unha corte especial; como xa cumprira a condena, ao saír foi apresado pola Gestapo e permaneceu retido nos campos de concentración de Sachsenhausen e Dachau, ata 1945. Logo incorporouse, ata a fin dos seus días, ao movemento pacifista; foi presidente do Consello Mundial de Igrexas en 1961 e desempeñou un papel importante na denuncia contra a guerra de Vietnam. Desde a década de 1980 é máis coñecido como o autor do poema "Cando os nazis viñeron polos comunistas".
Frases soadas
O seu mellor e máis coñecido poema Cando os nazis viñeron..., trata sobre consecuencias de non resistir ás tiranías nos primeiros intentos do seu establecemento. A orde exacta dos grupos e as palabras están suxeitas a disputa, xa que existen moitas versións, a maioría transmitidas oralmente. Martín Niemöller, o seu autor, menciona [2] que non se trataba orixinalmente dun poema, senón dun sermón na Semana Santa de 1946 en Kaiserslautern, Alemaña Que dixera Xesucristo?. Erroneamente este poema atribúese, en moitos idiomas, ao dramaturgo e poeta alemán Bertolt Brecht.
Orixinal |
Tradución
|
Als die Nazis die Kommunisten holten, habe ich geschwiegen; ich war ja kein Kommunist.
Als sie die Sozialdemokraten einsperrten, habe ich geschwiegen; ich war ja kein Sozialdemokrat.
Als sie die Gewerkschafter holten, habe ich nicht protestiert; ich war ja kein Gewerkschafter.
Als sie die Juden holten, habe ich nicht protestiert; ich war ja kein Jude.
Als sie mich holten, gab es keinen mehr, der protestieren konnte.
|
Cando os nazis viñeron buscar os comunistas, gardei silencio; porque eu non era comunista.
Cando encarceraron os socialdemócratas, gardei silencio; porque eu non era socialdemócrata.
Cando viñeron buscar os sindicalistas, non protestei; porque eu non era sindicalista.
Cando viñeron buscar os xudeus, non protestei; porque eu non era xudeu.
Cando viñeron buscarme a min, non había ninguén máis que puidese protestar.
|
Notas
- ↑ Robert Michael, Theological Myth, German Antisemitism, and the Holocaust: The Case of Martin Niemoeller, Holocaust Genocide Studies.1987; 2: 105-122.
- ↑ "sitio da Fundación Martin Niemöller". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 21 de novembro de 2007.
Véxase tamén
Ligazóns externas