María de los Remedios Gallego Abeledo, coñecida como Marita ou Lina, nada en Vigo o 16 de xaneiro de 1928 e finada en Val do Oise en 1962, foi unha guerrilleira antifranquista galega.
Traxectoria
O seu pai Manuel Gallego Durán e o seu tío Antonio Gallego Durán foron asasinados polos franquistas en 1936. Xunto cos seus irmáns Josefa, Clementina, Guillermo e Juan Gallego Abeledo, coñecidos como Os Buzos, incorporouse á guerrilla. Comezou colaborando cos fuxidos facendo todo tipo de traballos. Cando a presión se fixo insoportable integrouse coa súa irmá Josefa na IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Foi a compañeira de Francisco Rey Balbís. Foi comisaria política do destacamento Enrique Líster da IV Agrupación. Pasou tempo agochada coa súa irmá Josefa e outros guerrilleiros no refuxio de Goente (As Pontes de García Rodríguez).
Atravesou os Pireneos en 1950 co seu compañeiro Moncho e pasou a Francia. En 1951 regresou a Galicia coa consigna de trasladar a Francisco Martínez Leira a Francia, pero este negouse[1]. En París fixo de enlace entre os comunistas franceses e españois. Morreu en Blanc-Mesil-Argenteuil (Val do Oise) en 1962 a consecuencia dun cancro.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas