Manuel Coto Chan, nado en Couselo (Cuntis) en 1898 e finado na Estrada en 1946, foi un político galego.
Traxectoria
Emigrou á Arxentina, onde traballou en diversos negocios. Retornou en 1926 e instalouse na Estrada onde abriu unha carnizaría na praza de abastos. Militou no Partido Republicano Radical Socialista do que foi nomeado presidente do comité da Estrada en agosto de 1931,[1] e despois pasou ao PSOE. Coa folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido xunto con Higinio Carracedo Ruzo, Manuel Vázquez Otero e Manuel Pereira Rial acusados de cortar os fíos telegráfico e telefónico a noite do 5 ao 6 de outubro, deixando incomunicada a vila da Estrada; xulgados en novembro polo Tribunal de Urxencia, excepto Manuel Pereira que foi absolto, foron condenados a un ano, catro meses e un día de prisión,[2] e en decembro foron trasladados á colonia penitenciaria do Dueso.[3] Logo do triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936 foi indultado. En marzo de 1936 foi nomeado deputado provincial.[4] Foi nomeado concelleiro da Estrada e elixido segundo tenente alcalde o 5 de maio de 1936 ao constituíuse a Comisión Xestora Municipal.[5]
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado delegado de Orde Pública desempeñando o cargo até o día 22, cando os republicanos se disolven pacificamente. Avisado de que figuraba na lista dos falanxistas, escapou polo monte de Ferreiros cara a Couselo. O xuíz militar de Pontevedra emitiu unha requisitoria para a súa presentación xunto con Higinio Carracedo Ruzo, José Vila Carbón, Manuel Sanmartín Constela, Manuel Campos Vázquez, Eduardo Pazo Álvarez, José Torres Bermejo, Luciano Louzao e Manuel Pérez Carracedo o 27 de agosto.[6] O xuíz da Estrada fixo publicar requisitorias na prensa a principios de setembro.[7] A súa filla foi interrogada e acosada por falanxistas co fin de que confese o agocho do seu pai. O seu fillo ingresou no exército con 17 anos para tentar salvar ao pai. Manuel formou parte do Comité Popular Anti-fascista da Estrada ata que foi detido o 28 de novembro de 1938 con José Silva Rey na casa de Higinio Carracedo Ruzo na Somoza. Estivo preso na Estrada e foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar e condenado a pena de morte, que foi conmutada por cadea perpetua. Ingresou no cárcere da Parda en Pontevedra, e despois pasou a El Dueso (Cantabria), e finalmente estivo no campo de concentración de Brunete, sometido a traballos forzados. Incoáronlle expediente de responsabilidades políticas en outubro de 1939.[8] Foi indultado en outubro de 1945, e retornou á Estrada coa saúde moi deteriorada. Faleceu ao ano seguinte.
Vida persoal
Casou con Ramona Abal, de Barrantes.
Notas
- ↑ El Emigrado, 16-8-1931, p. 4.
- ↑ El Pueblo Gallego, 10-11-1934, p. 13.
- ↑ El País, 14-12-1934, p. 2.
- ↑ El País, 18-3-1936, p. 1.
- ↑ El Pueblo Gallego, 13-5-1936, p. 12.
- ↑ El Pueblo Gallego, 28-8-1936, p. 7.
- ↑ BOP A Coruña, 18-9-1936, p. 2.
- ↑ El Pueblo Gallego, 1-11-1939, p. 5.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas