Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Madalena.
Unha madalena[1] (do francés: madeleine) é un doce de pequeno tamaño, elaborado cunha masa fermentada de fariña, ovos, manteiga e azucre, que se coce no forno nun molde de papel xeralmente de base circular.
Etimoloxía
O termo galego madalena (de recente introdución na lingua) vén do francés francés: madeleine, seica por alusión a Madeleine Paumier, cociñeira francesa á que se atribúe a receita[2]
Orixe
De acordo a unha versión, a madalena de Commercy debe o seu nome a unha moza criada chamada Madeleine Paulmier, que en 1755[3] elaborou estes pasteliños para o rei de Polonia Stanislas Leszczyński, que tiña alí un palacio. Esta tradición é aínda hoxe moi popular.
Outras fontes remóntanas á época das peregrinacións a Santiago de Compostela. Unha rapariga chamada Madalena servíalles aos peregrinos uns pasteliños en forma de cuncha, símbolo do Camiño. As "madalenas" estendéronse ao longo dos camiños de Santiago, o que explica a súa tradicional implantación en España e a chegada a Galicia.
Unha terceira explicación relacionaríaas con María Madalena, xa que, ao mollalas, deixan caer pingueiras que lembran as bágoas desta muller[4].
Características
A madalena é un boliño tradicional da rexión da Lorena, en Francia, que se espallou por toda Francia, España e, posteriormente, Galiza. As madalenas teñen a forma dunha pequena cuncha, que se obtén cocéndoas no forno nunha placa metálica que ten buracos con dita forma. Hoxe en día adóitanse facer en pequenos moldes de papel rizado. Teñen un sabor semellante ao biscoito aromatizado con limón.
A receita leva os mesmos ingredientes ca o biscoito mencionado, mais en distintas proporcións:[5]ovos, azucre, manteiga, fariña triga, fermento, e aroma de limón obtido xeralmente da pela. Na receita tradicional francesa, bátense as claras de ovo ao punto de neve para lle dar máis levidade á masa.
Muffins e cupcakes
Cómpre non confundir as madalenas cos muffins nin cos cupcakes.
As madalenas non se recollen nos libros de cociña tradicionais galegas nin aparecen en documentacións literarias anteriores á década dos oitenta, malia seren hoxe moi populares en Galicia, tanto industriais coma preparadas na casa.
Recentemente, xa no século XXI chegan a Galicia os muffins e ultimamente os cupcakes, preparacións de moda, ambos de receitas e denominacións anglosaxoas. Muffin seica veña do xermánico muffen (‘biscoitos pequenos’) ou no francés antigo moflet (‘mol’). Hai dúas preparacións deste doce, a orixinal inglesa máis semellante ao pan e a reinterpretada americana de masa máis compacta, é moi semellante á madalena.
Por outra banda os cupcakes (literalmente ‘biscoitos de cunca’ porque inicialmente se usaban estes recipientes para cocelos) que son realmente tortas individuais orixinarias dos Estados Unidos, onde tamén reciben o nome de fairy cakes.[6]
Referencias literarias
Seica as madalenas sexan máis coñecidas fóra de Francia pola súa presenza na novela de Marcel Proust, Á busca do tempo perdido (e en Du côté de chez Swann), na que o narrador recobra a memoria da súa nenez despois de cheirar e comer unha madalena mollada en té. Porén, Proust referíase á variedade concreta de Commercy, en Lorena, á que chamaba "petite madeleine", que non se desfai ao mollarse.