Lionor Teles de Meneses,[1] alcumada A Aleivosa, nada en Tras os Montes c. 1350 e finada en Tordesillas o 27 de abril de 1386, foi raíña de Portugal entre 1371 e 1383, polo seu matrimonio con Fernando I, con quen casou o 15 de maio de 1372. En febreiro de 1373, nacía Beatriz de Portugal.
Traxectoria
Sobriña de Xoán Afonso Telo de Meneses, conde de Barcelos, descendía polo seu pai (Martín Afonso Tello de Meneses) do rei Froila II de Asturias e León e, pola súa nai (Aldonça Anes de Vasconcelos) de Teresa Sánchez, filla bastarda do rei Sancho I de Portugal.
Coa morte de Fernando o 22 de outubro de 1383, Lionor asumiu a rexencia do reino e o seu amante galego Xoán Fernández de Andeiro pasou a vivir no pazo real. Esta ligazón desagradou principalmente ao pobo, á burguesía e a parte da nobreza, que odiaban a rexente e temían un matrimonio cun soberano vencellado á coroa castelán-leonesa.
Xoán, Mestre de Avis, apoiado por un grupo de nobres, entre os que Álvaro Pais, e o mozo Nuno Álvares Pereira foi animado polo descontento xeral a asasinar o conde de Andeiro. A acción tivo lugar no pazo, a 6 de decembro de 1383, e iniciou o proceso de obtención da rexencia en nome do infante Xoán
Lionor fuxiu de Lisboa, fiel ó Mestre de Avis, e refuxiouse en Ourense e logo en Santarém, cidades fieis á causa da raíña, onde intentou manobrar politicamente a súa continuidade no poder. Porén, co desenvolvemento do conflito entre o Mestre de Avis e o rei castelán, a rexente perdeu espazo de manobra e acabou por ceder a rexencia a Beatriz, esposa de Xoán I de Castela.
Coa vitoria do partido do Mestre de Avis na guerra civil, este converteuse en rexente e despois rei, e Xoán I de Castela, xenro de Lionor, internouna no mosteiro de Tordesillas, preto de Valladolid, onde viría a falecer.
Notas