A Liga Xunta de Galicia de Béisbol (LXG Senior 1ª División) é o campionato galego de béisbol organizado pola Federación Galega de Béisbol e Sófbol (FEGABE) dende 1990.
A Liga Galega de Béisbol pasa por unha mala época. No ano 2004 a liga estaba composta por 9 equipos, no ano 2008 xa competiron só 4 clubs, mentres que no ano 2010 houbo só 3 participantes: CB Cambre, Lume BC e Druidas BC. Nesta derradeira tempada o torneo comezou en maio e rematou en xullo. Disputáronse 6 xornadas (en cada xornada había un único partido e un equipo descansando) e unha final entre os dous mellores equipos. O vencedor da final era o primeiro equipo en gañar dous encontros. Como cada ano, previamente á Liga Galega de Béisbol disputouse a Copa Galega de Béisbol, entre os meses de marzo e abril, na que competiron os mesmos 3 clubs nun formato semellante pero só con 6 xornadas, sen xogarse unha final.
O equipo que gañou os dous torneos foi o Club Béisbol Cambre, por diante do Lume Béisbol Club de Lugo.
Na tempada 2011 competiron na Copa e na Liga 4 equipos, xa que ós Cambre, Lume e Druidas, uniuse o Tigres de Arousa. A Copa foi para Club Béisbol Cambre, mentres que a Liga tivo unha final inédita, na que se enfrontaron Druidas BC e Lume Béisbol Club. A vitoria final foi para os coruñeses de Druidas BC.