A lenda do Galo de Barcelos, narra a intervención milagrosa dun galo morto na proba da inocencia dun home acusado erradamente[1]. Coñecida en Portugal como a "Lenda do Señor do Galo", ten varias versións e forma parte do repertorio medieval e xacobeo de lendas ou hagiografias de aforcados salvos polo milagre dun galo, neste caso con vencello ao Camiño Portugués a Santiago de Compostela.[2][3][4][5] O relato é similar á lenda de Santo Domingo de la Calzada, sendo a de Barcelos unha versión serodia de case tres séculos da rexistrada no Códice Calixtino.[6] O relato escrito máis antigo da versión portuguesa data de 1867, autoría de Domingos J. Pereira[7]
O suceso quedou representado nun cruceiro actualmente situado como espolio do Museo Arqueolóxico de Barcelos[8]. Tamén nomeado Cruceiro do Señor do Galo, a súa data de fabricación é motivo de polémica, sendo recollido como do século XIV por algúns autores e para outros entre finais do XVII ou principios do XVIII.[9] O monumento atopábase na veciña parroquia de Barceliños, no lugar da Forca Velha a carón dunha forca de pedra de cantería permanentemente levantada que serviu até o 26 de xaneiro de 1712.[10]
Durante o Estado Novo esta lenda foi identificada coa tradición artesanal oleira dos galos de roda que polo menos dende a década de 1930 tiña lugar en Barcelos[2]. Dende entón, ficou asociada incorrectamente como sustento folclórico ou mito destas pezas que o réxime de Antonio de Oliveira Salazar popularizou como símbolo turístico do Portugal.[11][12]
Lenda
Un peregrinogalego que saía de Barcelos camiño de Santiago de Compostela foi acusado de roubarlle prata a un terratenente e condenárono a morrer na forca. Como última vontade, pediu un encontro co xuíz, que se preparaba para comer un galo asado. O galego xuroulle que, como proba da súa inocencia, o galo se ía levantar do prato e cantaría. O xuíz empurrou o prato para un lado e ignorouno.
Con todo, cando o home estaba a ser aforcado, o galo levantouse e cantou. O xuíz, comprendendo o seu erro, correu para a forca e descubriu que o galego se salvara grazas a un nó mal feito.[13]
De acordo coa lenda, o galego volveu anos máis tarde para esculpir o Cruzeiro do Senhor do Galo, agora no Museu Arqueológico de Barcelos.
Unha lenda semellante explica a orixe das As Burgas de Ourense. Unha moza de Ribadavia estaba namorada dun pegureiro amigo de ermitán Pedro (que era quen levaba as augas quentes desde o monte ata a vila). O mozo rexeitouna por crer que era unha tentación do Demo así que ela, como vinganza, roubou un cáliz na igrexa, púxoo no zurrón do pastor e acusouno de ladrón. Cando atoparon o cáliz no seu poder, apedrárono ata matalo. Cando o ermitán o soubo, alporizouse e marchou de Ribadavia para ir vivir a Ourense, levando consigo as augas quentes que, desde aquela, xorden nesta cidade.
Notas
↑De Castro Pires de Lima, Fernando (1965). A lenda do senhor Galo de Barcelos e o milagre do enforcado(en portugués). Prólogo de Ramón Otero Pedrayo. Lisboa: Fundaçao Nacional Para a Alegria no Trabalho Gabinete de Etnografia. OCLC253101417.
↑Pazos, Fernando (2008). "La Tradición del "Milagro del Ahorcado y el Gallo" en los caminos de Santiago. Santo Domingo de la Calzada, Barcelos, Fondo". Peregrino: revista del Camino de Santiago(en Castelán) (119): 38–39. ISSN1576-0065.
↑Almeida, Carlos (2000-2002). "O Cruzeiro do Senhor do Galo na Devoção Jacobeia". Barcelos(en portugués) (Barcelos) (11-12-13): 97.
↑Atienza, Juan (2018). Leyendas del Camino de Santiago(en Castelán). Edaf. p. 14-15. ISBN978-84-414-3114-0.
↑Na exposición citada de Elisabete Muga Rodríguez refírese na páxina 13 que "O milagre do galo asado trasladouse non obstante de Rioxa para Barcelos e foi solemnizado con algúns séculos de separación: «Pode afirmarse, cunha correcta marxe de seguranza, que a transposición do milagre do enforcado, da lenda escrita para o cruceiro, un auténtico libro de pedra, é a ultima das grandes manifestacións xacobeas e de espírito eminentemente medieval. Foi feito fóra do tempo, talvez cun atraso de 3 séculos, mais tampouco sabemos cando, por estas terras do Miño, realmente foi divulgado o milagre do Santo Domingo da Calzada. (ALMEIDA, 2000-2002) " (Tradución do texto orixinal en portugués)
↑Pereira, Domingos Joaqim (1867). Memoria histórica da villa de Barcellos, Barcelinhos e Villa Nova de Famelicao(en portugués). TYP de Andrade J. Pereira & filho. pp. 205–209.
↑Lonely Planet (2017). Portugal(en Castelán). Editorial Planeta S.A. p. 434. ISBN978-84-08-16526-2.
↑Sant' Anna, Dionisio; VV. AA. (2013). Guía de Portugal(en portugués). IV - Entre Douro e Minho / II Minho (4ª ed.). Fundaçao Calouste Gulbenkian. pp. 942–943. ISBN972-31-0635-3.
↑A data e situación orixinal do Cruceiro do Senhor do Galo foi aportada por A.M Amaral Ribeiro e publicado no libro Noticia Descriptiva da Muito Nobre e Antiga Villa de Barcellos do ano 1866 e posteriormente recollido por Domingos Pereira na súa obra citada Memoria histórica da villa de Barcellos, Barcelinhos e Villa Nova de Fameliçao publicado un ano despois.
↑«A lenda que o cruceiro do «Señor do Galo», non obstante tamén chamado de 'Barcelos', que nos ilustra, non parou na súa capacidade de orixinar fenómenos culturais. A lenda do cruceiro do Señor do Galo era de hai moi coñecida. Obxectivamente e até 1963, ela non tivo nada que ver, nin xeográfica, nin cronolóxica, nin mentalmente, coa figura do galo cerámico que o turismo lanzara e tanto desenvolveu. Aquel ano, F. Pires de Lima publica un libro sobre A Lenda do Galo de Barcelos e o Milagre do Enforcado (Lisboa, 1963) a que se seguiu unha conferencia local, onde o autor ensaiou o estudo comparativo desa narrativa e afirmou a posibilidade de haber unha relación entre o galo da lenda e o da cerámica. Poderá parecer, mais, até ese momento, non había calquera conexión. Mais tanto bastou para que persoas locais o pasasen a crer e os axentes e guías de turismo o divulguen máis. E o galo que era xa un númen da cidade de Barcelos e tiña unha ascendencia moi curta e até avergoñada por ser un simple fenómeno de cadro da feira de Barcelos e do turismo ficou cunha apetecida orixe relixiosa. E así naceu un mito.» páxinas 30-31 do citado "O galo de Barcelos" Do Mito, do Símbolo, do Ícone, de Elisabete Muga Rodríguez (tradución do texto orixinal en portugués)
↑Ribeiro Carla, Carla; Ribeiro (Agosto de 2019). "As mil e uma vidas do galo de Barcelos". Jornal de Noticias. História(en portugués)21 (21): 10–33.
↑Con todo, o relevo esculpido ó pé do cruceiro reflicte a imaxe do peregrino sostido no aire polo apóstolo Santiago, tal como recolle a lenda transcrita no Códice Calixtino (Libro II, cap. V).