Foi fabricado entre 1900 e 1901; a empresa desenvolveuno despois de varios fracasos con automóbiles eléctricos. Foron producidas dúas versións do Centauro: unha con 4,5 HP e outra con 7,5 HP. Os seus motores foron deseñados polo enxeñeiro suízo Marc Birkigt.[1]
Chasis e carrozaría
O Centauro estaba dispoñíbel con dúas carrozarías faetón; unha era bipraza sen portas e a outra era de catro prazas sen portas dianteiras e con dúas portas traseiras.
O chasis era de forma rectangular, con 2.100 mm de longo e 720 mm de largo, fabricado con ferro angular de 40 mm, que ademais estaba reforzado con madeira.[1]
Mecánica
Motores
Os motores do La Cuadra Centauro eran de 2 cilindros, refrixerados por auga, con bomba e radiador de serpentín.[1] O motor instalouse na parte dianteira do chasis e proporcionaba tracción ao eixo traseiro mediante unha cadea única, con diferencial.[1]
O motor bicilíndrico do Centauro 4,5 HP tiña un diámetro de 80 mm e unha carreira de 90 mm. Tiña unha cilindrada de 905 cm³ e a potencia que desenvolvía era de 4,5 HP (5 CV).
O motor do Centauro 7,5 HP tiña 80 mm de diámetro e 110 mm de carreira. A súa cilindrada era de 1106 cm³, e desenvolvía unha potencia algo superior á da versión anterior; 7,5 HP (8 CV).
Caixa de cambios
A caixa de cambios do Centauro tiña tres marchas cara a adiante (co mando debaixo do volante) e marcha atrás (esta última accionábase cunha panca instalada no chan), e o embrague tiña un cono de fricción.[1]
As cifras de produción foron moi baixas; La Cuadra planeara producir seis unidades do Centauro, mais non se sabe exactamente cantas foron fabricadas.[1]
Un Centauro con motor de 4,5 HP foi vendido ao empresario catalán Francisco Seix (un dos fundadores de Hispano-Suiza),[2] e outro coche foi vendido a Juan Pellisó e foi o primeiro vehículo que se matriculou na provincia de Lleida.[1]
Só se conservou un automóbil co motor de 7,5 HP, que foi matriculado na provincia de Soria coa matrícula española SO-2. O primeiro propietario foi Javier Olozábal Ramey.[1] Miguel Mateu descubriu o vehículo a finais dos anos 1920 e comprouno. Segue sendo propiedade da familia Mateu,[3] e participou no Rally de Sitges de automóbiles antigos.