Mabuchi naceu no 1697 na vila de Iba, na provincia de Tōtōmi (actual cidade de Hamamatsu, en Shizuoka), terceiro fillo de Okabe Masanobu.[2] Os Okabe eran os kannushi do templo de Kamo, en Kyoto, mais o seu pai era dunha póla secundaria do clan e traballaba como granxeiro. No 1707, Mabuchi comezou os seus estudos con Sugiura Kuniakira, un erudito da kokugaku que tiña a súa academia privada en Hamamatsu, e que fora discípulo de Kada no Azumamaro.[2] Mabuchi casou no 1723, pero a súa esposa faleceu ao ano seguinte. Aos trinta e sete anos, trasladouse a Kyoto para estudar directamente con Kada no Azumamaro.[2] Tras a morte do mestre no 1736, Mabuchi mudouse a Edo no 1738, onde ensinou as doutrinas da kokugaku. No 1746, foi contratado por Tokugawa Munetake, líder da póla Tayasu do clan Tokugawa.
No 1763, mentres viaxaba cara ao templo de Ise, Mabuchi foi visitado por Motoori Norinaga, que desexaba ser o seu discípulo. Nunha soa noite, coñecida posteriormente como "a noite de Matsuzaka", Norinaga recibiu as ensinanzas de Mabuchi. Non volverían a verse nunca en persoa, aínda que mantiveron unha correspondencia.
Mabuchi faleceu en Edo no 1769, aos 73 anos de idade.[2] A súa tumba atópase no cemiterio Tōkai-ji de Shinagawa, e foi designado un Sitio Histórico Nacional no 1926.[2][3] Unha placa conmemora a Mabuchi na súa residencia en Edo, e preto da súa casa de Hamamatsu pode atoparse un museo no seu nome.
Obra
Xunto con Kada no Azumamaro, Motoori Norinaga e Hirata Atsutane, é un dos catro grandes pensadores da kokugaku. A través do seu estudo do pensamento nipón antigo (especialmente, do Man'yōshū e outras obras da literatura clásica), elaborou a súa teoría do magokoro, que el consideraba fundamental para comprender a historia do Xapón.[4][5] De maneira independente ao seu contemporáneo Motoori Norinaga, descubriu a chamada lei de Lyman, que rexe o funcionamento do rendaku na lingua xaponesa, e que despois sería atribuída ao estadounidense Benjamin Smith Lyman.
Entre os traballos de Mabuchi, hai comentarios sobre o Home'yōshū, os norito (oracións propias do shintō), as kagura (danzas do shintō), o Genji monogatari, e numerosos poemas, ademais de pezas sobre moi distintos temas. A súa obra máis recoñecida é o Kokuikō, na que manifesta o seu rexeitamento polo pensamento e a literatura chinesas, glorificando a antigüidade nipoa.[1]
Mabuchi foi tamén un gran poeta, recoñecido por recuperar o estilo antigo propio do Man'yōshū, que na súa época caera en desuso.[2] Atribúenselle arredor de mil poemas waka.[2]
Entre os seus discípulos, inclúense Motoori Norinaga, Arakida Hisaoyu, Kato Chikage, Murata Harumi, Katori Nahiko, Hanawa Hokiichi, Uchiyama Matatsu e Kurita Hijimaro.