Comezou a xogar ao tenis con cinco anos no Club de Tenis e Pádel O Rial da súa Vilagarcía de Arousa natal, co adestrador Daniel Walters, antes de trasladarse, con trece anos, á Academia de Tenis Ferrer en Xàbia.[1][2]
En decembro de 2020 disputou en Madrid a súa primeira final individual do Circuíto Feminino ITF, sendo derrotada pola suíza Conny Perrin.[3] Un mes despois, en xaneiro de 2021, gañou o seu primeiro título individual nun evento de 15 000 dólares no Cairo, tras derrotar á eslovaca Chantal Škamlová na final.[4] Unha semana despois conquistou un segundo título ITF no Cairo e en marzo de 2021 acadou a final en Gonesse (Francia).[5] Ese mesmo ano proclamouse campioa nun torneo na cidade grega de Heraklion e disputou a final en Madrid.
En 2022 disputou seis finais do Circuíto ITF, gañando cinco delas (Villena, Palmanova, Aschaffenburg e Quinta do Lago) e perdendo só na final de Platja d'Aro ante Guiomar Maristany. Ese mesmo ano participou nos Xogos Mediterráneos na cidade alxeriana de Orán, conseguindo a medalla de bronce en individuais e o ouro en dobres xunto á propia Maristany, despois de derrotar na final ás maltesas Francesca Curmi e Elaine Genovese.[6]
En marzo de 2024 conquistou o seu maior título até a data, ao erguer o WTA 125 de Antalya, en Turquía, vencendo na final á romanesa Irina Camelia Begu, por un marcador de 6-2, 4-6 e 6-2. Foi así a primeira galega en 13 anos en conquistar un título deste nivel, desde que o fixese Lourdes Domínguez en 2011 en Bogotá.[8] Con este resultado subiu ata o posto 104 do ránking WTA. Un mes máis tarde, en abril, tras xogar a final do ITF 100 de Zaragoza, logrou entrar por primeira vez no top100, situándose como a 90ª mellor xogadora del mundo.
Continuou ascendendo postos na clasificación e no torneo de Wimbledon de 2024 deu a sorpresa, eliminando na primeira rolda á vixente campioa e número 6 do mundo, a checa Markéta Vondroušová.[9] Deste xeito converteuse na segunda tenista na historia da era Open en eliminar en primeira rolda á campioa do ano anterior, 30 anos despois de que Lori McNeil fixese o mesmo con Steffi Graf.[9] A continuación desfíxose da hispano-moldava Cristina Bucșa para converterse na primeira tenista galega da historia en acceder á terceira rolda de Wimbledon.[10] Caeu finalmente ante a checa Barbora Krejčíková na terceira rolda, nun partido que non chegou a rematar, pois retirouse cun problema lumbar cando perdía por 6-0 e 4-3.[11]