Julián Pérez Palacios, nado en El Pino de Tormes (Salamanca) o 8 de decembro de 1901 e finado na Coruña o 1 de novembro 1984, foi mestre e director de escolas graduadas español.
Traxectoria
Fillo de Domingo Pérez Moro e Anselma Palacios Herrero. Obtivo o título de mestre de Primeiro Ensino en Salamanca en 1924. Foi mestre interino en Muñoz (Salamanca) (novembro de 1924-abril de 1925) e Aramil-Siero e Morcín (Asturias) (marzo a xullo de 1927). Aprobou as oposicións e foi destinado á Escola de Rúa (Cervo) onde permaneceu de setembro de 1927 a febreiro de 1934. cando marchou a Xixón como director da Escola Graduada El Arenal. Membro da Asociación de Traballadores da Ensinanza da UGT dende decembro de 1930, colaborou en Vida Escolar, Heraldo de Vivero, Boletín de Educación de Oviedo e Educación Proletaria. Despois de lograr o número 1 na oposición libre para Directores de Graduada, tomou posesión da dirección de Escola Graduada El Arenal de Xixón (Asturias).
Logo da caída de Asturias en outubro de 1937 foi detido ao interceptar a mariña franquista o vapor Mont Seny no que fuxía rumbo a Francia. Estivo internado no campo de concentración de Cedeira. No cárcere de El Coto (Xixón) foi condenado a cadea perpetua en consello de guerra o 18 de abril de 1938, conmutada por 30 anos de reclusión o 28 dese mes, e finalmente rebaixada a 9 anos o 14 de abril de 1943.[1] Cumpriu condena no penal de El Puerto de Santa María, onde ingresou o 13 de xullo de 1938 procedente do cárcere de Xixón e da que saíu en liberdade condicional en xuño de 1941.
Depurado como mestre, traballou como axente comercial ata que en 1967 foi readmitido no Maxisterio como director da Agrupación Escolar Mixta O Castiñeiriño de Santiago de Compostela onde exerceu desde maio a agosto dese ano e despois foi director da Agrupación Escolar Mixta Illa de Arousa en Vilanova de Arousa de setembro de 1967 a xuño de 1970 cando se xubilou. Recibiu unha homenaxe dos mestres e mestras da AEM da Illa de Arousa en decembro de 1971. Finou na Coruña o 1 de novembro de 1984.[2]
Vida persoal
Fillo de Domingo Pérez Moro e Anselma Palacios Herrero. Tivo catro irmáns: Francisco, Humildad, Emiliano e Ramón Pérez Palacios. Casou con Josefa García Fernández e foi pai de Julián,[3] Saturnino e Irene Pérez García.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Pérez Fernández, Julián Jesús (2011). Vida y pedagogía de un maestro: Julián Pérez Palacios (1901-1984). A Coruña: Librería Arenas. ISBN 978-84-95100-40-5.