Juan Francisco de Castro Fernández, nado en Lugo o 25 de febreiro de 1721[1] e finado na mesma cidade o 24 de decembro de 1790, foi un sacerdote e avogado, considerado un dos principais ilustrados galegos, un reformista avanzado.
Traxectoria
Estudou teoloxía e xurisprudencia en Santiago de Compostela e Ávila, onde obtivo o grao de doutor. Ordenouse sacerdote en 1749 e foi párroco das parroquias de San Pedro de Losón e Santiago de Fontao durante 18 anos. Foi nomeado cóengo de Lugo en 1767 e arcediago de Dozón, provisor e vigairo xeral en 1776. Asociado co seu irmán Vicente, acreditado farmacéutico, estableceu unha fábrica de tella e ladrillo no barrio do Paxaro, e utilizou as grandes reservas de arxila da zona de Silvarrei. Foi un dos impulsores, xunto con bispo Armañá, da creación da Sociedad Económica de Amigos del País de Lugo, da que foi presidente entre 1784 e o seu falecemento en 1790.
Pensamento
Juan Francisco de Castro entendeu que a economía é un proceso dinámico no que as diferentes variables económicas manteñen unhas relacións de dependencia de distinta intensidade. Por esta razón todas as variables económicas, como a poboación, a agricultura, as manufacturas e o comercio, son inseparables. Ao seu xuízo, a poboación ocupa o lugar central no sistema produtivo: "é de quen proveñen como de primeira causa, todas as comodidades que recibimos da agricultura, artes e comercio. A poboación antecede a estes empregos, como sempre precede o ser ao operar. É o home naturalmente enxeñoso: as súas necesidades avivan a súa industria; e ao non poder esta faltar onde haxa homes, non pode menos de existir laboriosa agricultura, artes, e comercio rico onde haxa poboación". Non obstante, a súa concepción da poboación como motor do crecemento económico aparece matizada pola existencia dunha dependencia xerarquizada entre os distintos sectores económicos, na que a agricultura –que necesita do aumento da poboación para o seu desenvolvemento- ten unha función relevante dentro das actividades produtivas: "A agricultura é a produtora dos verdadeiros bens do home: todos os máis bens non o son comparados coas producións da agricultura". Por outra parte, no marco do seu pensamento económico as manufacturas posúen un papel complementario da agricultura, e o comercio, que necesita da existencia de excedentes agrícolas e industriais, é un importante dinamizador da economía. Para Castro, o produto social depende esencialmente da poboación, do volume de recursos naturais postos en xogo e da circulación dos bens, que na súa opinión constitúen "o sangue do corpo civil".
Obra
Publicou en 1765, en dous tomos, os Discursos críticos sobre las leyes y sus intérpretes en que se demuestra la incertidumbre de éstos, y la necesidad de un nuevo y metódico cuerpo de derecho, para la recta administración de justicia (Joachim Ibarra, Madrid, 1765). Neles fai unha crítica ao sistema xurídico, avogando por un único corpo legal e mostrando a súa preocupación pola racionalidade das leis e a mellora dos aparellos xurídicos.
En 1770, engadiu un terceiro volume co título de Discursos sobre las leyes y sus intérpretes: incertidumbres y detrimentos de los Mayorazgos y otras disposiciones análogas en el bien común: su ofensa a la población, agricultura, artes y comercio: necesidad de remedio: tentativa de algunos medios. Paradojas sobre la nobleza y mérito para fundar Mayorazgo (Joachim Ibarra, Madrid, 1770). Neste volume fai unha dura crítica aos morgados, aos que considera a causa principal do atraso demográfico e económico español, se ben renuncia a pedir a súa extinción, ao entender a súa necesidade para o mantemento da nobreza; na súa opinión, é un grupo indispensable para a supervivencia da sociedade, e conténtase coa súa tímida proposta dun programa reformista. Malia que é consciente de que propiedade vinculada impide a posta en explotación de novas terras, con todo, para el a utilidade social da nobreza non permite a súa desaparición.
En 1780, comezou a publicación da que foi a súa obra máis ambiciosa: Dios y la naturaleza. Compendio histórico natural, y político del Universo, en que se demuestra la existencia de Dios y se refiere la Historia Natural, y Civil, la Religión, leyes y costumbres de las Naciones antiguas y modernas más conocidas del Orbe (Madrid, 1780-1790), da que chegou a publicar, ata 1789, dez volumes, deixándoa incompleta. Trátase dunha obra na que Castro reflexiona acerca da teoría do home, tratando de sentar os principios da orde que Deus establece unha formación do Universo. O pensamento deste compendio enciclopédico é nas súas palabras "delinear por menor as leis de entrambos os dous mundos, propondo aos curiosos que quixeren consideralo un espectáculo Físico e Moral do Universo, entrelazando un e outro, segundo a oportunidade das materias".
Foi autor tamén, dun ensaio sobre o aproveitamento das augas e dun Elogio del dialecto gallego.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía