Josefa García Segret, nada en Tui en 1900[1] e finada en Oleiros a principios de setembro de 1986[2], foi unha mestra e política galega.
Traxectoria
Mestra en Tomiño. Casou con Hipólito Gallego Camarero. Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi detida o 15 de agosto, pasando un calvario de penalidades. Na prisión de Tui puido salvar a vida grazas á axuda do médico forense José Abraldes primeiro e do doutor Darío Álvarez Blázquez que simularon un embarazo de catro meses e logo un aborto sen feto. Xulgada en Vigo por rebelión o 7 de xaneiro de 1937, sendo defendida por José Queizán Hermida, foi condenada a pena de morte. Conmutada a pena por cadea perpetua, e despois novamente a 6 anos e un día en marzo de 1944. Estivo presa no cárcere de Saturrarán de febreiro de 1938 a xaneiro de 1941, en Palma de Mallorca, do 5 de xaneiro de 1941 ao 8 de agosto de 1943, en que foi trasladada novamente a Saturrarán; de onde saíu o 22 de marzo de 1944. Ao abandanar o cárcere, comezou a traballar no grupo de empresas de Regojo e a súa vida transcorreu entre Zamora e Redondela. Logo instalouse en Vigo. Escribiu o libro Abajo las dictaduras!! (1982).[3] Foi soterrada en Redondela.[4]