Iván Espinosa de los Monteros y de Simón, nado en Madrid o 3 de xaneiro de 1971, é un promotor inmobiliario e político español, vicesecretario de Relacións Internacionais do partido político Vox. É deputado da XIII e XIV lexislatura das Cortes Xerais, onde exerce de voceiro do Grupo Parlamentario de Vox no Congreso dos Deputados.
Nado en Madrid o 3 de xaneiro de 1971,[1] é fillo do empresario Carlos Espinosa de los Monteros y Bernaldo de Quirós, IV marqués de Valtierra, e de María Eugenia de Simón y Vallarino. É descendente de Carlos Espinosa de los Monteros y Sagaseta de Ilurdoz, militar e diplomático español, a cuxo favor foi creado o marquesado de Valtierra por Afonso XIII en 1907.
Estudou Ciencias Económicas e Empresariais en ICADE e obtivo un MBA de finanzas nos Estados Unidos.[2] En 2001, contraeu matrimonio con Rocío Monasterio, arquitecta hispanocubana, con quen tivo catro fillos.[3] O matrimonio en ocasións traballou conxuntamente no sector da construción, comprando espazos sen uso para convertelos en vivendas de luxo deseñadas por Monasterio. Espinosa tamén traballou en empresas de consultoría, xestión e investimento.[4]
Colaborou como tertuliano en programas de televisión como El Gato al Agua (IntereconomíaTV) ou Espejo Público (Antena 3).[4]
Ligado ao partido político Vox dende a súa fundación en 2013, ocupou o cargo de secretario xeral da Comisión Organizadora Provisional antes da celebración do primeiro congreso do partido. A continuación pasou a ocupar a Secretaría Xeral do partido até outubro de 2016, cando tomou cargo da Vicesecretaría de Relacións Internacionais. Foi número 2 da lista electoral do partido para as eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 encabezada por Alejo Vidal-Quadras, e que non obtivo representación.[5]
Tamén se presentou como candidato por Vox a senador por Madrid nas eleccións ao Senado de 2015 e de 2016. En marzo de 2019, foi confirmado como terceiro na lista de Vox para as eleccións ao Congreso por Madrid do 28 de abril encabezada por Santiago Abascal.[6] Elixido deputado nos comicios ao obter a candidatura de Vox 5 deputados na circunscrición,[7][8] a partir da constitución da XIII lexislatura da cámara baixa, o 21 de maio de 2019, pasou a exercer de voceiro do Grupo Parlamentario de Vox.[9][10][11]