Isaías, do hebreo, ישעיהו—Ieshaiáhu, e que significa "Yahveh é salvación" foi un dos profetas maiores de Israel,[2] cuxo ministerio tivo lugar durante o século VIII a.C.[3] O ministerio profético de Isaías tivo lugar no reino de Xudá durante as monarquías de Uzías, Jotán, Acaz, Ezequías e Manasés.[4] Profetizou durante a crise causada pola expansión do Imperio asirio. Escribiu polo menos a primeira parte do libro bíblico que leva o seu nome.
Vida e legado
Isaías naceu probablemente en Xerusalén contra o 765 a.C. e foi asasinado (aserrado), segundo se cre, polo rei Manasés en 695 a.C.[5] Segundo a tradición talmúdica, Isaías posiblemente foi primo de Ozías e parente dos reis contemporáneos de Xudá.
Isaías foi un estadista, asesor de reis, poeta, orador e escritor, fillo de Amós e está considerado un dos profetas maiores hebreos, chamado "o príncipe dos profetas" e sendo valorado, fundamentalmente, polas escrituras que legou ao seu pobo e ás subsecuentes xeracións.
Tivo dous fillos, con nomes profeticamente significativos, Sear-jasub (un remanente volverá)[5] e Maher-salal-hasbaz (o refugallo apresúrase), comenta que el e os seus fillos son presaxios para Israel. Á súa esposa chamábana "a profetisa".[5]
O ministerio profético de Isaías chegou a durar case medio século, dende fins do goberno de Azarías, rei de Xudá, até os tempos do monarca Manasés. Segundo os libros apócrifosVida dos Profetas (1,1) e Ascensión de Isaías (5,11-14), o profeta morreu aserrado (partido) durante a persecución provocada polo rei Manasés; a iso tamén parece referirse a Biblia.[6]
Isaías foi un firme opositor á política de alianza dos reis de Xudá cos imperios estranxeiros e chamou a confiar na Alianza con Yahveh. Opúxose ao protectorado de Asiria que o rei Acaz propiciou para enfrontarse co norteño Reino de Israel e o de Damasco. O rei Ezequías quixo contrarrestar a hexemonía asiria, aliándose con Exipto, opóndose Isaías tamén a iso, pero cando as tropas asirias de Senaquerib cercaron Xerusalén, Isaías apoiou a resistencia e anunciou a axuda de Yahveh: a cidade salvouse.
A obra de Isaías mostra que era un gran poeta, con estilo brillante, precisión, composición armoniosa e imaxes novas. Académicos e críticos coinciden en que foi o autor dos capítulos 1 a 12, 15 a 24 e 33 a 35 do Libro de Isaías, en tanto que a autoría do resto do libro é un tema de debate. Os capítulos 36 a 39, que están escritos en terceira persoa, foron aparentemente escritos polos seus discípulos.
A segunda parte do Libro de Isaías, coñecida como Libro da Consolación de Israel (capítulos 44-55), é moi diferente á primeira e non nomea en ningures a Isaías. O escenario destes capítulos finais supón que Xerusalén foi arrasada, o pobo xudeu está cativo en Babilonia e Ciro xa é rei de Persia, xesta que provocará a liberación dos hebreos. O estilo do texto é máis oratorio e até repetitivo. O contido rexistra unha maior elaboración teolóxica. É entón probable que estes capítulos finais sexan obra dun autor anónimo ao final do desterro, despois de 560 a.C.[7]
Exexetas e estudosos recalcan con todo, que as dúas partes do libro de Isaías están unidas pola súa visión mesiánica:
Nos capítulos 6 a 12 anúnciase o nacemento do Emanuel, que significa en hebreo "Deus connosco".[8][9]
Na segunda parte (Isaías 42,1-7;49,1-9;50,4-9;52,13;53,12) preséntanse os Cánticos do Servo de Jhvh, seguidor perfecto de Deus que con plena fe sofre para expiar os pecados do seu pobo e é glorificado.
Estudos suxiren que o uso reiterado de derivados de נצר en ambas as partes do libro de Isaías, é unha alusión mesiánica: natser, transcrita Nazer, traducida como "fillo", "vástago", "rama" ou "renovo"; e noutros contextos como vixiar, gardar, observar, defender, arrodear, preservar (do perigo) ou esconder (refuxiar).[10] Consideran que a iso se refire Mateo 2:23 cando di que habitou na cidade que se chama Nazaret, e así se cumpriu o devandito polos profetas, que había de ser chamado Nazareno (נצר, Notsri).
O cristianismo estima que o Libro de Isaías anunciou o nacemento, sacrificio e gloria de Xesús e ademais, o alcance universal da salvación polo que se considera nalgunhas ocasións como o "Príncipe dos Profetas".
Segundo a tradición xudeocristiá, Isaías puido morrer como mártir.[11] Durante a súa vida, Isaías ensinou a supremacía, a santidade e o carácter ético da mensaxe de Deus.[11] Criticou os erros do seu pobo, ao que á súa vez alentou durante o cativerio en Mesopotamia, e profetizou así mesmo o futuro renacer de Sión e Xerusalén.[11]
Galería de imaxes
Isaías ante a Man de Deus, entre a Noite e o Amencer. Salterio bizantino,[12] Constantinopla, siglo X. París, Bibliothèque Nationale de France, Mss. Grec 139, fol. 435v.