Irynei-Ivan Ivanovych Nazarko (en ucraíno: Іриней-Іван Іванович Назарко), nado o 7 de xullo de 1905 en Tovstoluh (hoxe Ucraína) e finado en Otava o 20 de abril de 1976, foi un sacerdote grecocatólico ucraíno, académico e teólogo. Foi membro da Sociedade Científica Shevchenko dende 1954, e membro da Academia Libre Ucraína das Ciencias, da Sociedade Académica Teolóxica Ucraína e da Sociedade Histórica Ucraína.
Naceu o 7 de xullo de 1905 en Tovstoluh (hoxe Ucraína).[1] Logo de graduarse no ximnasio en Ternopil, entrou no mosteiro de Krekhiv da Orde de San Basilio Magno,[1] e posteriormente graduouse polo seminario de Krystynopil.
O 30 de novembro de 1930 foi ordenado sacerdote,[1] e continuou os seus estudos en Viena e Innsbruck. Foi organizador (1932) da Sociedade Mariana de Lviv, e editor das súas publicacións.[1]
Entre 1941 e 1944 foi abade da Igrexa de San Onofrio de Lviv.[1]
Entre 1946 e 1948 viviu en Alemaña, e en 1948 emigrou ao Canadá.[1] Alí doutorouse en Filosofía na Universidade de Otava,[1] e posteriormente foi profesor de Historia da Igrexa nas universidades de Montreal e Otava.[1]
En 1953 trasladouse a Roma, onde formou parte da Curia Xeral da súa orde até 1963.[1] Entre 1954 e 1967 foi editor dos Analecta OSBM, e entre 1955 e 1967 reitor do Pontificio Colexio Ucraíno.[1] En 1967 volveu ao Canadá, onde foi párroco en Ontario até 1974, e asistente espiritual para os basilianos na Universidade Católica de Otava.[1]
Nazarko, Irynei