Implicadas no Desenvolvemento é unha organización feminista de cooperación ao desenvolvemento fundada en 1998 en Galicia que traballa na procura da igualdade de xénero como piar para o desenvolvemento humano perdurable.[1] Foi fundada pola escritora e intérprete María Reimóndez[2] e forma parte da Coordinadora Galega de ONGD.[3]
Implicadas entende a loita contra a pobreza como un exercicio de responsabilidade da cidadanía do norte en busca de espazos para que a cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, poidan tomar decisións sobre as súas vidas. Defende que a cooperación ao desenvolvemento comeza cambiando as estruturas de explotación entre o Norte e o Sur e entre homes e mulleres; que o cambio ten que acontecer dende Galicia abrindo vías para que a cidadanía poida participar na presión mundial para o cambio; que non se pode falar de desenvolvemento cando o 50% da poboación vive en situación de discriminación.
Por todo iso, traballa para superar primeiro a discriminación que padecen as mulleres con distintas accións: traballa na sensibilización da cidadanía, nas accións de presión política, na visibilización da situación das mulleres dos países en vías de desenvolvemento; abre portas á participación da cidadanía a través do voluntariado e do apoio a campañas internacionais.
Implicadas é a única organización galega que forma parte do Cumio do Microcrédito e pon en marcha proxectos de cooperación baseados na igualdade de xénero e na autosuficiencia das comunidades, traballando man a man coas organizacións civís do Sur.[4]
O proxecto O son das buguinas, xermolouse como unha das respostas de IND á tsunami do 26 de decembro de 2004 na India e noutros países de Asia. IND realizou un chamamento solidario a diversoas narradoras/es co obxecto de editar un libro solidario que axudase a reflexionar ao público xuvenil galego sobre as tráxicas consecuencias desta catástrofe.O DVD, que acompaña ao libro, preparado por Francisco Vila Barros, inclúe un documental sobre o labor de IND en Tiruchy (India ) e Abdis Abeba (Etiopía), unha película de animación sobre o labor das ONGs e as políticas de voluntariado e cooperación, un documental sobre a tsunami e un xogo interactivo sobre a cooperación [5]
Libro e CD solidarios que recolle poemas de autoras tamiles (Andal, Kutti Revathi, Malathi Maithri, Salma e Sukirtharani) e galegas (Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, María do Carme Kruckenberg, Yolanda López, Chus Pato e María Reimóndez).[6]
Libro solidario que recolle poemas de autoras etíopes (Yemoddish Bekele; Mihret Kebede; Tigist Mitiku; Misrak Tefere; Azeb Yosef; Abebech Diriba) e galegas (María Reimóndez; Antía Otero; Lucía Aldao; Estíbaliz Espinosa; Marga do Val; María Lado; María do Cebreiro).[7]
Está formado por dúas curtametraxes localizadas na India e en Etiopía respectivamente. O traballo trata o tema do microcrédito, unha metodoloxía de traballo en cooperación ao desenvolvemento. As dúas curtas parten, ademais, da solidariedade feita dende Galicia a través da organización galega Implicadas no Desenvolvemento.
Na obra, o actor galego Luis Tosar viaxa ata Támil Nadu, na India, para facer un obradoiro de teatro “con mulleres poderosas que intentan cada día cambiar unha realidade inxusta”, e de diferentes mulleres, como Saritha, Vanitha e Premalatha, que nalgún momento da súa vida padeceron as duras consecuencias da discriminación de xénero nese país. O audiovual recolle os efectos positivos nesta comunidade do traballo de Implicadas polo Desenvolvemento e doutras organización de cooperación en eidos como a erradicación do infanticidio feminino, o control da natalidade, a sexualidade e outros aspectos en prol da igualdade de sexos.[8]
Desde o ano 2005[10], Implicadas/os no Desenvolvemento organiza este festival na temporada de Nadal. Trátase dunha cita anual coa cultura e a solidariedade, xa que é un espectáculo no que se intercala música, teatro, danza e literatura, con audiovisuais sobre o traballo que leva a cabo Implicadas no Sur e en Galicia.[11]Celébrase para dar a coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, os seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento e as actividades de concienciación. As artistas colaboran de xeito desinteresado e os cartos recadados destínanse integramente a financiar os proxectos de cooperación que a organización está a desenvolver.[12]
En 2018 foi recoñecido o seu labor a prol da igualdade pola Deputación da Coruña co Premio Begoña Caamaño.[13] O xurado recoñeceulle "unha traxectoria sólida de vinte anos no ámbito da cooperación cultural, con proxectos de especial interese no encontro de culturas" ao tratarse dunha "proposta que crea pontes culturais mediante a relación de actividades de Galicia con colectivos do Sul, poñendo en cuestión as relacións de poder e hexemonía cultural".[14]