Illa Bakers é unha pequena illa residencial dentro da baía de Massachusetts, pertencente a Salem, Massachusetts, Estados Unidos. Está situado ao sueste das illas Great Misery e Little Misery, ao nordeste das illas North Gooseberry e South Gooseberry, e no extremo nordeste da Illa Children.
A illa ten forma de pera e está habitada. A maior parte da costa da illa é rochosa, excepto na súa parte occidental. Existen tres pequenas lagoas litorais próximas entre si localizadas preto do centro da illa. Hai algúns arbustos, árbores e a vexetación medra nalgunhas partes da illa. A maior parte das edificacións concéntranse no sur e no occidente da illa, nesta última parte existe un peirao para que aporten as embarcacións nas que chegan os turistas.
Polo menos desde 1630 recibe o seu actual nome, orixinalmente era de propiedade pública, John Turner foi o primeiro propietario privado e ata hoxe continúa a ser privada. Antigamente existiu un hotel para recibir os turistas, hoxe unha serie de residencias rurais aloxa á poboación, cada unha co seu nome propio. Na illa hai tamén unha tenda, un parque de bombeiros, unha casa de reunións e unha tenda de regalos.
O goberno federal administra o faro e posúe tamén o terreo ao seu arredor, orixinariamente eran dous faros xemelgos, que databan do 3 de xaneiro de 1798, para evitaren os naufraxios nas Illas Misery, o faro máis pequeno derrubouse en 1926